miércoles, 9 de marzo de 2011

Mostra da oportunidade Ourense 2011

Mostra da oportunidad Ourense 2011

O moble e o automóbil comparten protagonismo co téxtil na 18ª Mostra da Oportunidade 2011 Ourense

Os centros comerciais abertos da provincia participan na feira decana de Expourense

Dende este venres 11 de marzo e ata o domingo día 13, Expourense acolle a 18ª edición da Mostra da Oportunidade que ofrecerá os mellores prezos e vantaxes en milleiros de artigos convertendo ó recinto feiral de Ourense nun gran centro comercial onde noventa expositores liquidarán os seus stocks, coincidindo co final do periodo de rebaixas.

Expourense, colaborando co asociacionismo, presentará unha feira con 8.000 metros cadrados onde os expositores ofrecerán os prezos máis competitivos nunha quincena de sectores. Trátase da edición máis multisectorial xa que, se ben o téxtil segue a ocupar un importante espazo na feira (o 32%), comparten protagonismo con outros sectores como o moble, a decoración e os artigos para o fogar que incrementan a súa oferta. O 86,3% dos expositores son galegos, sendo o 61% deles da provincia de Ourense. Esta cita convértese así nun excelente escaparate do comercio ourensán.

Centros Comerciais Abertos
A principal novidade desta edición da Mostra da Oportunidade é a participación dos Centros Comerciais Abertos da provincia que viron nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para poñerlle o broche final ás rebaixas de inverno. Estarán presentes as asociacións de Ourense Centro, do Couto, do Barco de Valdeorras e de Verín. Os establecementos asociados contarán cun espazo en feira para ofrecer os seus produtos (téxtil, decoración, organización de eventos, etc.) a prezos vantaxosos para os milleiros de visitantes que agarda recibir a Mostra da Oportunidade.
Expourense realizou ademais unha acción especial coa Asociación de Comerciantes do Moble de Ourense (ACMO) para potenciar a presenza deste sector na Mostra e que as empresas poidan ofrecer os seus stocks nesta cita. O moble será, polo tanto, o produto que ocupe a maior superficie en feira ofrecendo varios estilos para as distintas estancias do fogar.
Destaca ademais a oferta en automoción. Os visitantes terán a oportunidade de adquirir, con importantes descontos, distintos vehículos seminovos e de ocasión de varios modelos, algúns deles de alta gama.
Para facer máis cómoda a visita, o salón conta cun amplo horario que vai dende as once da mañá ás nove da noite, é dicir, dez horas ininterrompidas os tres días de feira, contandos ademais cun amplo aparcamento gratuíto.

Convenio coa Cámara de Comercio
Esta cita servirá ademais para darlle continuidade ó convenio de colaboración que a Fundación mantén coa Cámara de Comercio de Ourense, e a través do cal cada un dos certames terá un espazo reservado para autónomos e microempresas cun ou dous empregados.
Os stands ofrecidos ó amparo deste convenio están ocupados na súa totalidade, o que ven demostrar o interese das pequenas empresas pola asistencia a feiras e por darse a coñecer ante un novo público.
A Mostra naceu hai xa dazaoito anos para ofrecerlle ó comercio minorista galego a oportunidade de liquidar os seus stocks, sendo a feira decana destas características en Galicia. Nesta edición presentarán ofertas moi especiais nun momento no que o mercado máis o demanda.