viernes, 2 de diciembre de 2011

Megaxove 2011 Ourense

Megaxove 2011 Ourense horarios y actividades

Expourense remata o calendario feiral do 2011 coa celebración da 12ª edición de Megaxove, Salón da Xuventude, que dende o 5 ata o 8 de decembro, ofrecerá máis de 60 actividades de lecer e deportivas que converterán a Expourense no punto de encontro da mocidade galega durante a ponte festiva e onde miles de rapaces e rapazas participarán de forma activa.

Nunha superficie de 8.000 metros cadrados daranse cita 46 expositores entre federacións e clubes deportivos, asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia. Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente.
Novidades

Entre as novidades do programa de actividades de Megaxove 2011 destaca a celebración do primeiro Campionato Galego de Snooker organizado polo Clube de Billar Ourense en colaboración coa Federación Galega de Billar, no que participarán 16 xogadores de toda Galicia que deberán acudir a esta cita debidamente uniformados. Ademais do campionato, haberá exhibicións e clases de inicio á práctica do billar.
Outras das novidades serán os obradoiros de cultura urbá (graffiti, breakdance e rap), o de automodelismo por radio control ou de cómo converterse nun Dj profesional. Tampouco faltarán nesta edición os obradoiros solidarios como o denominado “Función de maxia en Haití” organizado por Cruz Vermella ou a exposición sobre “Educación, Deporte e Valores” da Secretaría Xeral para o Deporte. Pola súa parte, a Concellería de Xuventude de Ourense colaborará co obradoiro de iniciación ó Slot (unha especia de scalextric), do que tamén se organizará un torneo.
Nesta edición prestarase ademais especial atención á convivencia interxeracional fomentando que os nenos e xoves acudan a Megaxove acompañados coas súas familias e realicen actividades xuntos. Para esto, programaranse actividades específicas para toda a familia como poden ser o aerobic ou a danza do ventre, outra das novidades desta edición.
Torneos
O deporte volverá ser un dos grandes protagonistas do salón que continuará promocionando as disciplinas minoritarias para contribuír á difusión de alternativas menos coñecidas como poden ser o remo indoor, a esgrima antiga, a patinaxe en liña, o judo, a halterofilia ou o tiro con arco. Megaxove é o lugar elixido por numerosas asociacións e federacións deportivas para dar a coñecer estes deportes realizando exhibicións e desputando torneos. Ademais das probas deportivas, tamén se fomentará a participación activa do público a través de xogos ou clases de iniciación. A estes deportes hai que engadir o futbol-sala (tanto masculino coma feminino), o minibasket e o xadrez, dos que tamén se desputarán torneos.

Entre as asociacións participantes destaca a Fundación Cipri Gomes que impartirá clases colectivas e organizará exhibicións de distintas disciplinas de defensa persoal e tamén de aerobic, wushu ou gimnasia de mantemento. Esta Fundación, que colaborará por segundo ano consecutivo en Megaxove, convocará para participar e visitar Megaxove a 1.000 nenos e nenas e a 150 adultos das 20 escolas deportivas coas que conta nas catro provincias galegas.

O programa de actividades inclúe ademais a visita e sinatura de autógrafos dos xogadores do Club Ourense Baloncesto (martes 6 ás 19.00 h.) e do Clube Deportivo Ourense (xoves 8 ás 12.00 h.).

Seguindo a liña de anos anteriores celebrarase o xoves 8 de decembro unha nova edición, a duodécima xa, do Cross Megaxove. Trátase da actividade máis consolidada deste salón chegando a reunir nas últimas edicións a máis de 700 atletas de todas as idades e categorías, dende cativos ata veteráns.

Participación aberta a todos

Ademais das actividades xa mencionadas, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles nenos e mozos que, acompañados polas súas familias, se acheguen ata Expourense durante a ponte festiva. Aquí poderán atoparse dende hinchables ou o bebechán, os preferidos polos máis pequenos, ata unha parede de escalada infantil, karaoke, fútbol chapas ou xogos tradicionais e populares. Estes xogos tradicionais convivirán coa Ciber Aula e coa Zona de videoxogos.

Entre os obxectivos de Megaxove está o de fomentar a solidariedade cos nenos favorecidos e o respecto ó Medioambiente. O Salón da Xuventude serve tamén de plataforma de promoción doutras actividades vencelladas ó lecer e á cultura e para que distintas asociacións xuvenís, como Amencer ou a Fundación Amigos de la Barrera, dean a coñecer o traballo que realizan ó longo de todo o ano. Por outra parte, a Escola de danza Castro Floxo actuará no salón e a formación Queixumes do Pinos impartirá un curso de baile rexional.

Celebrarase ademais unha nova edición do torneo de “Warhammer”. Demostracións dos servizos cinolóxico, o SEPRONA, montaña e de Tráfico da Garda Civil serán outras das alternativas para estes días de vacacións.

Megaxove, de entrada gratuíta, permanecerá aberto en Expourense os catro días de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas