lunes, 2 de enero de 2012

Azores invitado de Xantar 2012 en Ourense

O arquipélago portugués de Azores, representado polas Cámaras de Comercio e Industria das illas a través da de Horta, será o convidado especial de Xantar 2012, o Salón Galego de Gastronomía e Turismo, que celebrará a súa 13ª edición en Expourense entre o 1 e o 5 de febreiro. As Azores participarán en todas as accións previstas para esta edición de Xantar promocionando a súa gastronomía, turismo, artesanía e produtos agroalimentarios.

Esta acción reforza as sinerxias derivadas da última misión empresarial promovida por Expourense e pola Cámara de Comercio de Horta na que participaron diversas empresas galegas relacionadas co sector agroalimentario e da pesca e vencelladas a Xantar. Esta visita ó arquipélago supuxo o inicio dos contactos entre o sector produtivo galego e azoriano e a participación en Xantar permitirá reforzar estas relacións.

Menú

Así, as illas terán a súa propia área de restauración na feira na que se poderán degustar dous menús diferentes que porán en valor os seus produtos primarios baseados nunha agricultura, gandería e pesca sostibles, enmarcados ademais na Dieta Atlántica e no que destacan as súas carnes, peixes, lácteos, froitas e viños. Estes menús inclúen produtos maís senlleiros das distintas localidades do arquipélago como é o caso do queixo de San Jorge, o flan de té de Porto Formoso (a única plantación de té de Europa) ou os viños da Ilha do Pico.

Dentro do programa de actividades previsto para esta edición, as Illas Azores ofrecerán ademais catas comentadas de produtos como viños ou queixos.
MENÚ: GASTRONOMÍA DAS AÇORES

MENÚ 1
- Táboa de queixos das Illas Atlánticas
- Sopa de peixe
- Entrantes de Morcilla rexional con piña e chourizo e de Atún escabechado
- Lombos de peixe espada con salsa "ferrado"
- Filetes de tenreira de Azores con queixo de San Jorge
- Piña natural e Flan de té de Porto Formoso
Pan e Viño branco Gigante de llha do Pico e tinto Curral Atlantis de Ilha do Pico
Prezo: 17 €

MENÚ 2
- Táboa de queixos das Illas Atlánticas e Queixo de San Jorge recheo de guayaba
- Consomé de peixe
- Entradas: Roliños de peixe espada recheos de camarón; Morcilla con piña gratinada e Chourizo a "topo”
- Delicias de emperador con alcaparras e lagostinos, pataca cocida e verduras refogadas
- Filetes de tenreira con queixo de San Jorge
- Piña flambeada con licor de maracuyá, flan de té de Porto Formoso, doces de queixo e Donas Amélias
Pan e Viño branco Gigante de llha do Pico e tinto Curral Atlantis de Ilha do Pico
Prezo: 24 €

O arquipélago das Azores, integrado por nove illas, está ubicado en pleno Océano Atlántico e serven de ponte entre Europa e América do Norte. Están a 2 horas e 20 minutos en voo directo dende Porto e son punto de escala habitual dos cruceiros polo Atlántico. As Azores ubícanse na ruta cara o “Novo Mundo”, sobre todo os Estados Unidos e Canadá cara onde se dirixiu a emigración dos seus habitantes entre 1960 e 1990. Na actualidade máis dun millóns de azorianos residen nestes dous países. Por estes motivos, as Azores son un mercado turístico de enorme interese tanto para América como para Europa e hoxe en día ocupan o segundo lugar a nivel mundial, entre 111 destinos insulares. O seu potencial turístico está baseado nunha oferta sostible vencellada coa Natureza e as actividades ó aire libre