miércoles, 21 de marzo de 2012

Galician Connection 2012

Galician Connection Ao Vivo reúne sobre o escenario a sete figuras da world music capitaneadas por Paquito D´Rivera 

Cristina Pato, Wu Tong, Sandeep Das, Emilio Solla, Guadi Galego, Anxo Pintos e Josep Vicent participan no concerto exclusivo o 13 de abril en Santiago de Compostela 

Sete figuras da world music reuniranse o próximo 13 de abril na Cidade da Cultura de Galicia no marco das Xornadas Internacionais de Músicas do Mundo Galician Connection. 

Esta iniciativa, coa dirección artística de Cristina Pato, comprende un programa formativo e un foro de debate, que se desenvolverán do 11 ao 13 de abril. O fin de festa será, sen dúbida, inesquecible. 

O concerto Galician Connection Ao Vigo subirá ao escenario o día 13 de abril a Paquito D´Rivera, Wu Tong, Sandeep Das, Emilio Solla, Guadi Galego, Anxo Pintos e Josep Vicent, ademais da propia Cristina Pato. O repertorio de Galician Connection Ao Vivo parte de dúas premisas: compartir e recoller. Cada un dos artistas compartirá a súa experiencia así como a súa cultura e tradicións; cada artista, tamén, recollerá as claves musicais dos seus compañeiros de escenario. A colaboración especial de Paquito D´Rivera nas xornadas Galician Connection, o convivío entre os artistas durante os tres días do encontro e a riqueza instrumental agoiran unha actuación irrepetible. Gañador de múltiples Grammys en categorías tan dispares como clásica, jazz, cross-over ou latin Jazz, Paquito D’Rivera é unha das grandes figuras da música cubana. O venres 13 de abril a partir das 21h, xunto ao xenio do clarinete e saxofón Paquito D´Rivera, subirán ao escenario algunhas das figuras máis reputadas da world music. 

O músico indio Sandeep Das, mestre da táboa india e fundador da HUM Ensemble; Wu Tong, referente do sheng, un órgano de boca tradicional de China, e, á vez, tamén famosísimo músico de rock no seu país; o pianista e compositor arxentino Emilio Solla, figura do tango-jazz e colaborador habitual de Paquito D´Rivera; o integrante do grupo galego Berrogüetto e mestre da zanfona, Anxo Pintos; a cantante Guadi Galego, cuxa carreira en solitario consolidouna como unha das voces máis populares da música galega e o valenciano Josép Vicent, percusionista contemporáneo de ampla traxectoria e director de The World Orchestra. Xunta a eles, a directora artística Cristina Pato, asentada desde hai case unha década en Nova York onde forma parte da Silk Road Ensemble, que dirixe o cellista chino Yo-Yo Ma, e promotora desta conexión galega coas músicas do mundo. 

 Galician Connection Ao Vivo será o primeiro concerto a celebrar no auditorio do Museo de Galicia da Cidade da Cultura, o próximo venres 13 de abril ás 21h. As entradas xa están á venda en www.servinova.com cun prezo de 12€ + gastos de xestión.