miércoles, 30 de mayo de 2012

PontedeTapas Pontevedra 2012

Pinchos y tapas en Pontevedra con PontedeTapas Pontevedra 2012

Gozar da calidade urbana da cidade de Pontevedra, saborear unhas deliciosas tapas e gañar unha viaxe para dúas persoas a Punta Cana está ao alcance de calquera.

Basta con participar na cuarta edición do certame PontedeTapas, que a Concellería de Turismo pon en marcha entre o día 25 deste mes de maio, e o próximo domingo, 3 de xuño.
Participan 53 hostaleiros locais que tentarán gañar o padal do consumidor con propostas do máis diferente. O prezo mantense en 1,50 euros, polo que o éxito parece garantido.

Os clientes que enchan o cupón de votación e o depositen nas urnas habilitadas nos locais adheridos participarán no sorteo de 15 premios moi atractivos: os tres principais son senllos viaxes para dúas persoas de 8 días de duración a Punta Cana, Madeira e Tenerife, respectivamente. Hai cinco fins de semana en casas de turismo rurais, catro “Menús da ría” (o programa gastronómico impulsado por Turismo de Pontevedra en varios restaurantes da cidade) e tres cheques-regalo no comercio local por un importe aínda por determinar.
Carlota Román destacou o crecemento que PontedeTapas está a ter nas súas sucesivas edicións. Así, da primeira, celebrada en 2010 e na que participaron 26 establecementos, pasouse a 43, 47 e agora, nesta cuarta entrega, a 53 locais. Mentres, o número de tapas creceu de 9.000 a 27.950 e 35.000 unidades, sucesivamente. O obxectivo agora é alcanzar a cifra das 40.000.
A concelleira de Turismo destacou que o obxectivo de PontedeTapas é dobre: por un lado promocionar a cidade (está acreditado que un bo número dos clientes chegan doutras cidades) e, por outro, apoiar ao sector da hostalería-restauración. De feito, calcúlase que a terceira edición produciu un movemento económico dun mínimo de 105.000 euros.
O certame chega cunha forte presenza na Internet e nas novas tecnoloxías. O portal web está operativo dende hoxe e irá incorporando novidades nos próximos días. Reactívanse os perfís de Facebook e Twitter, aproveitando o potencial dos fans e followers que xa teñen rexistrados. Ademais, a cartelería incluirá código QR para a localización dos locais adheridos.

A Concellería de Turismo dotará a cada local dun cartel con fotografía da súa tapa, cupón de votación, urna rotulada e folleto da ruta de tapeo. Finalmente, estanse a producir 30.000 posavasos específicos da campaña que serán repartidos entre os establecementos.

Salvador Santiago destacou o esforzo dos hostaleiros pontevedreses por apoiar esta cuarta edición de PontedeTapas, na que, a pesar da crise, hai unha suba no prezo de inscrición que pagan os locais. Pasan de 80 a 90 euros. Este pequeno aumento dá pé a unha maior aposta pola calidade e cantidade dos premios aos clientes, que soben de 11 a 15.

Santiago quixo agradecer o compromiso da concelleira de Turismo, Carlota Román, que fai posible a organización e, sobre todo, a viabilidade económica deste certame pensado para a promoción da hostalería local.

Finalmente, anticipou que xa se está a traballar no PontedeTapas de inverno, que será entre finais de novembro e principios de decembro.

www.pontedetapas.es