martes, 19 de junio de 2012

Visita a Pontevedra de la directora de Spain Convention Bureau


Visita a Pontevedra de la directora de Spain Convention Bureau

Pontevedra ten todos os recursos para ser un destino preferente, tanto en turismo urbano como de negocios. Así o afirmou hoxe a directora da Spain Convention Bureau (SPB), Violeta Matas González, diante do sector turístico local. A experta estivo na cidade para participar nunha intensa xornada de traballo coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, e que concluíu coa celebración do I Seminario de Turismo de Negocios.

A concelleira socialista organizou unha completa axenda que comezou cunha visita ao Pazo da Cultura e o Recinto Feiral, continuou pola Praza de Abastos, polo Centro Histórico e a Casa da Luz, onde se celebrou o Seminario coa asistencia de máis de 30 empresarios. O acto está encadrado dentro da programación da Concellería para posicionar a Pontevedra neste nicho turístico. Un programa que comezou o pasado mes coa visita da vicepresidenta da asociación española “Organizadores Profesionales de Congresos” (OPC), Yolanda Barbeito.

Violeta Matas deixou claro que Pontevedra dispón de “recursos coxunturais” como é a calidade urbana da cidade, o “impresionante” Centro Histórico, a paisaxe privilexiada ao pé da ría e a proximidade a Vigo, Santiago, O Morrazo, O Salnés. Insistiu en que os congresistas adoitan vir de grandes cidades e buscan vilas medias con calidade de vida, un entorno agradable e dotadas de boa capacidade hoteleira (superior a 3 estrelas). Son turistas esixentes que reclaman moita profesionalidade na atención e que, cada vez máis, valoran experiencias únicas das que non poden gozar nas súas cidades de orixe. A actividade vitivinícola, marisqueira ou mesmo conserveira, moi presentes no entorno, foron postas como exemplos potenciais.

A presidenta da SPB destacou que Pontevedra conta cunha enorme fortaleza polo feito de dispor dun pazo de congresos ben dimensionado, con dous auditorios e varias salas, situado a carón da cidade, do río e dun gran parque. E, sobre todo, ao que se chega camiñando. España, subliñou, conta coas mellores instalacións congresuais de Europa, máis de 100, pero moi poucas cidades poden presumir desta paisaxe e de que non é necesario transporte.

Ao seu xuízo Pontevedra non ten por que competir con outras cidades próximas. Trátase de sumar, recalcou, e máis nun momento no que escasean os recursos económicos. De construír imaxe de marca e superar localismos. Neste senso, Carlota Román destacou que o seu departamento ten claro que a imaxe de marca debe ser “Pontevedra, Capital das Rías Baixas” e non descartou todo tipo de alianzas. Violeta Matas puxo o exemplo de colaboración entre Xixón, Oviedo e Avilés, ata hai ben pouco encarnizadas rivais, e destacou que o propio SCB é un ente no que se agrupan 54 cidades de toda España, que entenderon que xuntas lles vai mellor que loitando cada unha por separado.

Violeta Matas quixo facer tamén unha valoración persoal dunha cidade que cualificou como marabillosa, especialmente polo seu Centro Histórico tan “vivido” e no que as prazas e rúas son o patio do recreo dos neno/as que noutras cidades están pechados entre muros dentro dos colexios. Hai 15 anos que non visitaba Pontevedra. Dixo que a lembraba como unha capital de provincia máis, sen moito que ofrecer, e hoxe pareceulle un lugar cheo de posibilidades e de recunchos fermosos.

O turismo de reunións, convencións, congresos, incentivos e feiras (coñecido internacionalmente polas siglas en inglés MICE), lonxe de resentirse pola crise, ten cada vez máis pulo. Sufriu un baixón en 2008 (menos 20%), pero o ano 2011 recuperou os niveis anteriores á crise. As previsións para 2013 mesmo falan de crecemento. Ademais, hai que ter en conta que o gasto medio dun congresista oscila entre os 200 e os 300 euros. Outra circunstancia destacada é que, cada vez máis, os congresistas viaxan sós, pero nunha alta porcentaxe, cando a experiencia é agradable, volven ás cidades acompañados das súas familias, polo que se transforman en turistas urbanos de fin de semana.

A experta destacou que A Coruña, e despois Santiago, marcaron o rumbo no turismo MICE en Galicia. Foron as primeiras cidades en facer esta aposta e por iso hoxe recollen os froitos. Matas destacou que a promoción é unha labor lenta e difícil e dificilmente dá resultados a curto prazo; por iso, moitas veces, aos empresarios cústalles velo. Non obstante, destacou, o Concello por si só e sen implicación do sector non pode asumir este labor.

Carlota Román amosouse moi satisfeita das conclusións desta xornada de traballo e anunciou que a liña de traballo para introducir de cheo a Pontevedra no turismo de negocios vai ser prioritaria na súa Concellería. De aí a organización deste I Simposio que tiña, destacou, como obxectivo concienciar a todos os empresarios que teñen algo que ver co sector da importancia de que traballemos todos xuntos. Ou remamos na mesma dirección ou non haberá nada que facer, destacou.

Ao simposio asistiron máis de 30 representantes dos hoteis, hostelería, axencias de viaxes, empresas de cattering e restaurantes e tamén das asociacións e entidades relacionadas coa promoción económica como Aempe, AJE, Cámara de Comercio, Centro Comercial Urbano Zona Monumental e Galerías Oliva que, da man de Violeta Matas, coñeceron polo miúdo as características diferenciais do turismo MICE e a experiencia doutras cidades que teñen obtido bos resultados nos últimos anos.

O “Spain Convention Bureau” é unha rama da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) dentro da súa sección dedicada ao turismo que se ocupa, en exclusiva, de promocionar ás cidades destino dentro desta especialidade. Un total de 54 cidades españolas son socias.