sábado, 8 de diciembre de 2012

Concurso Belenes Santiago de Compostela 2012

Convócase a segunda edición do Concurso Municipal de Beléns e Ambientación de Nadal en Santiago de Compostela
 
O Concurso de Beléns conta con dúas categorías: individual e colectiva.
 
Na individual pode presentarse calquera persoa física que figure inscrita no padrón municipal.
 
Na categoría colectiva poderán participar e inscribirse os colexios e todo tipo de asociacións, institucións e entidades cidadáns.
 
Premiaranse os tres primeiros Beléns de cada categoría.
 
Os premios consistirán en vales de compra no Centro Comercial Compostela, que colabora no Concurso, e unha mención especialmente deseñada co nome de "Compostrela". Os vales serán de 150 euros para os primeiros clasificados de cada categoría, 120 para os segundos e 60 para os terceiros. O xurado estará composto por representantes do Concello e do Centro Comercial Compostela e polo belenista de Conxo. A principal novidade desta segunda edición atópase no Concurso de Ambientación de Nadal, que este ano conta tamén con dúas categorías: unha para establecementos de hostalería, que xa estaba o ano pasado, e outra para comercios, que poden participar este ano por primeira vez.
 
Tamén aquí premiaranse os tres primeiros clasificados, cunha mención de "Compostrela" e campañas de comunicación en medios locais. Neste caso, o xurado estará composto por representantes do Concello, da Asociación Hostalería Compostela e das asociacións comerciais.
 
O primeiro premio do ano pasado na categoría de Beléns para particulares foi para Rogelio Pérez Sandá, veciño da rúa de Mallou. O segundo premio foi para Pablo e Carlota Seoane Ríos, da rúa Montero Ríos. Na categoría de entidades o gañador foi a Asociación de Veciños "Brañas de Andrés".
O segundo lugar foi para a Asociación de Veciños "Camiño de Santiago" de Bando. Neste capítulo houbo unha mención especial aos beléns do Casino de Santiago e do Centro Sociocultural das Fontiñas. O Concurso de Ambientación de Nadal gañouno o Hostal dos Reis Católicos, mentres que o segundo premio levouno A Quinta da Auga. Hotel Carrís tivo unha mención especial.
 
O prazo de inscrición nos concursos está xa aberto e remata o día 14 de decembro.
A inscrición pode facerse a través do envío dun correo electrónico a comercio@santiagodecompostela.org . As bases do concurso poden consultarse en www.cersiaempresa.org. O resultado do concurso farase público o día 19 de decembro.