domingo, 27 de enero de 2013

Programa Entroido Verin 2013

Programa completo carnavales Verín 2013
 
Dende o 31 de xaneiro ao 12 de febreiro, o municipio de Verín acollerá a celebración do seu Entroido de Verín, un dos máis orixinais, ancestrais e participativos de Galicia, e que no ano 2009 logrou a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.
 
XOVES DE COMPADRES (31 DE XANEIRO DE 2013)
Tras a primeira saída dos cigarróns no día de San Antón, comeza o Entroido 2013 co Xoves de Compadres. Tras cear nos restaurantes da localidade e a partir da media noite, os homes e mozos verinenses percorrerán as rúas Montemaior, avenida de Portugal, Irmáns Moreno, Deputación, Luis Espada, Lisa e praza García Barbón, na que se celebrará o xuízo e queima do Maragato. Durante o percorrido, os compadres irán acompañados do Carro do Meco e da música da Banda de Gaitas do Concello de Verín e da charanga Támega, para acabar a festa na praza cunha Disco-Móvil.
 
DOMINGO DE CORREDOIRO (03 DE FEBREIRO DE 2013)
Concentración de cigarróns na praza do Concello a partir das 11:30 horas. Con posterioridade, saúdo aos fregueses á saída das igrexas Parroquial e RR.PP. Mercedarios. Nas prazas Maior e García Barbón, música a cargo da charanga Támega, dunha Disco-Móvil e da orquestra Marbella.
 
XOVES DE COMADRES (07 DE FEBREIRO DE 2013)
A partir das 11:15 horas, Desfile Infantil de Entroido, no que os máis pequenos e pequenas do Punto de Atención á Infancia do Concello de Riós, Kero-Kolo do Concello de Verín, Gardería Pinocho, Colexio María Inmaculada, CEIP Amaro Refojo, CEIP Castrelo do Val, centros educativos de Chaves (Portugal), CEIP Rodolfo Núñez de Vilardevós, CEIP Princesa de España, CEIP Vendas da Barreira e CRA Monterrei tomarán as rúas de Verín. Devandito desfile estará amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e as charangas Madialeva, CBD, Bandefesta, Támega -que tamén actuarán, xunto coa charanga Fuego, durante a xornada pola localidade-; e partirá do entroncamento da Canella Cega coa estrada de Cabreiroá.
Tras percorrer as rúas Deputación, Luis Espada e Lisa, o mesmo finalizará nas prazas García Barbón e Maior. Pola noite, as comadres encherán todos os restaurantes de vila, acompañadas da música de charangas anteriores. A media noite, no Barrio de San Lázaro, a Raíña do Entroido recibirá a comitiva de Don Carnal, que descenderá polo Camiño Real acompañado da Banda de Gaitas do Concello de Verín. Centenares de mulleres, e moitos homes disfrazados, percorrerán desde San Lázaro até as prazas Maior García Barbón, polas rúas San Lázaro, Luis Espada e Maior, onde o locutor de Cadena 100, Vidal López, caldeará o ambiente. Despois do saúdo da Raíña e Don Carnal, terá lugar a lectura do pregón que dará inicio o Entroido 2013. Un ano máis, ¡VIVA O ENTROIDO! ¡VIVA VERÍN!. A orquestra Costa Oeste porá o broche á noite máis “feminina” do Entroido verinense.
 
VENRES DE COMPADREO (08 DE FEBREIRO DE 2013)
Como nos últimos anos, o Capuchón e a Mascarita serán os uniformes oficiais que portarán os asistentes á festa. Ás 18:30 horas terá lugar a saída dos Escuadróns de Capuchóns e Mascaritas para percorrer diversas rúas e prazas da vila, con paradas estratéxicas para mollar a gorxa e encher o bandullo. Irán acompañadas en todo momento de dous Carros do Compadreo e das charangas Mekanika e Támega; para no fin sobre ás 21 horas, rematar na praza de Edesio Fuentes coa tradicional queimada para os/as participantes, amenizada por unha Disco-Móvil. Pola noite, verbena popular nas prazas García Barbón e Maior co grupo Ache.
 
SÁBADO DE ENTROIDO (09 DE FEBREIRO DE 2013)
A partir das 17.15 horas, na Praza do Cigarrón, terá lugar o Bautizo do Cigarrón, un acto solemne no que novos cigarróns serán vestidos, con todas as honras. Tamén contará coa Cofradía do Cigarrón que homenaxeará a todos aqueles cigarróns que xa non poden saír e aos que reafirman o seu sentimento de cigarrón (a mesma partirá desde a rúa Muralla pola praza do Carboeiro e ata a praza do Cigarrón). Animación a cargo dunha Disco-Móvil. As charangas Támega e Fuego porán a banda sonora por todas as rúas da vila durante toda a xornada, que culminará coas actuacións da orquestra Claxxon e o grupo Triunfo.
 
DOMINGO DE ENTROIDO (10 DE FEBREIRO DE 2013)
 
Día grande do Entroido. Pola mañá, unha descarga de foguetes despertará a todos os entroideiros, seguida da concentración de carrozas, comparsas, máscaras e cigarróns ás 12 horas no Barrio de San Roque para o gran Desfile de Entroido que comezará a partir das 12.15 horas. A Banda de Gaitas do Concello de Verín e as charangas CBD, Támega, Madialeva e Fuego serán as encargadas de acompañar o desfile, percorrendo as rúas Luis Espada, Alameda e as prazas da Alameda e García Barbón. Na sesión vespertina e nocturna, continuará a animación musical polas rúas da vila a cargo de charangas e; nas prazas Maior e García Barbón, actuarán a orquestra París de Noia e o grupo Alkar.
 
LUNS FARELEIRO (11 DE FEBREIRO DE 2013)
A música da charanga Madialeva recordará aos sobreviventes que o Entroido aínda non acabou. A partir das 16.30 horas, xogos infantís e inchábeis no Pavillón dos Deportes, onde os máis pequenos, que serán os protagonistas, deben ir disfrazados. Seguindo a tradición, DÍA DA FARELADA, amenizada por unha Disco-Móvil nas prazas García Barbón e Maior, e a partir das 19 horas, baile e verbena popular nas prazas García Barbón e Maior coa orquestra Charleston Big-Band e o grupo La Oca.
 
MARTES DE ENTROIDO (12 DE FEBREIRO DE 2013)
Ás 16.30 horas, concentración de carrozas, comparsas, máscaras e cigarróns no Barrio de San Roque, para media hora máis tarde, dar comezo ao Gran Desfile, que realizará o mesmo percorrido que o domingo. Todo iso amenizado polas charangas CBD, Támega, Bandefesta e Madialeva, que actuarán durante o día, e a Banda de Gaitas do Concello de Verín. A festa continuará, a modo de despedida, e ata que o corpo aguante, nas prazas Maior e García Barbón coa actuación da orquestra Palladium e o grupo Midas.