jueves, 11 de abril de 2013

Concurso bandas galegas SonRíasBaixas e Radio Galega

O SonRías Baixas 2013 organiza un concurso para bandas emerxentes en colaboración coa Radio Galega
•Os gañadores compartirán o cartel oficial e o escenario principal do Festival con bandas internacionais e nacionais de renome e optarán a premios en metálico por valor de 1.500 euros, máis a posibilidade de gravar unha maqueta na RG e de participar nun programa da TVG
•O Festival, que celebrará a súa XII edición os días 2 e 3 de agosto en Bueu, conquistou o ano pasado a máis de 15.000 persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado.
As entradas xa están á venda na súa web

O SonRías Baixas dentro dos concertos Galicia 2013 organiza o I Concurso SonRías ( #SRB2013 ) co obxectivo de ofrecerlles ás bandas emerxentes a posibilidade de formar parte do cartel oficial do Festival SonRías 2013, compartindo o escenario principal con artistas da talla da mítica banda punk británica The Toy Dolls ou dos italianos Talco.
Estas dúas bandas europeas son as primeiras confirmacións da XII edición do certame, que encherá de música e de festivaleiros con ganas de troula un ano máis o Multiusos da Estacada, en Bueu, a fin de semana do 2 e o 3 de agosto. A organización anuncia que nas próximas semanas haberá máis confirmacións de bandas internacionais e estatais de referencia no mundo do rock, mestizaxe, ska-reagge e ritmos urbanos.
As primeiras 500 entradas están á venda na web do Festival a un prezo reducido de 18 euros o abono dos dous días, coa acampada incluída.
Esta primeira edición do Concurso SonRías (#SRB2013) conta cunha dotación de 1.500 euros para repartir en dous premios. Entre as bandas admitidas a concurso, o público elixirá a través das redes sociais cinco finalistas para o Premio SonRías Baixas, aos que se lles sumarán outros cinco artistas seleccionados polo xurado do Festival, que estará composto por persoas de referencia no sector musical, como Rubén Sierra, líder de La Pegatina e experto en comunicación musical 2.0; Juan Carlos Cabano Juankar, líder de Boikot, produtor e axitador de propostas musicais; Salva Rodríguez Ronko, director de programación de Radio Vigo (SER) e responsable do Maketón; Faber, produtor musical e colaborador de Estudio 3, na Radio Galega; David, programador do Café Auriense, referente da música en directo en Ourense; Víctor Cabaleiro Leiro, responsable da Sala Aturuxo, unha das de maior e mellor curriculum de Galicia; ou Berta Domínguez (SonRías): experta en comunicación musical 2.0 e bandas emerxentes e representante da organización do Festival SonRías Baixas. A banda gañadora recibirá un premio de 1.000 euros e tocará no escenario principal do Festival SonRías Baixas.
A Radio Galega, pola súa banda, seleccionará de entre os admitidos a concurso as formacións que teñan cancións en galego e publicadas baixo licenza Creative Commons. As bandas que cumpran estes dous requisitos optarán ao Premio Son Radio Galega, cuxos finalistas serán escollidos polo público da Radio Galega, a través de chamadas en directo e de Internet.
De entre eses cinco finalistas, elixirá o gañador/a do Premio un xurado formado por dous críticos musicais e a xefa de programas da Radio Galega. A banda gañadora recibirá 500 euros, gravará unha maqueta nos estudios da Radio Galega e actuará nun programa da Televisión de Galicia.
O prazo para presentarse comeza hoxe mesmo e remata o vindeiro xoves, 18 de abril. As bases e o formulario de inscrición están dispoñibles na web do Festival. De Festivaleiros para Festivaleiros A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do estado.
Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. Co I Concurso SonRías (#SRB2013) queren ofrecerlle, tamén, ao seu público a posiblidade de participar activamente na programación do Festival, seleccionando cos seus votos dúas das bandas participantes