martes, 16 de abril de 2013

Concurso Pinchos Primavera 2013 Ourense

52 establecementos participarán na 3ª edición do Concurso de Pinchos de Primavera , do 6 ao 19 de maio, en Ourense

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández e a concelleira de Turismo, Mónica Vázquez presentaron a dinámica, requisitos e participantes do concurso de pinchos de primavera Sabores de Ourense, acompañada de José Pérez, presidente da Unión de Hosteleiros e Daniel Guzman de Nova Restaurante en representación do xurado profesional desta edición.

O concurso celebrarase entre o 6 e o 19 de maio naqueles establecementos adheridos á iniciativa, que nesta edición conta cun novo récord de participación, cun total de 52 pinchos a concurso, fronte aos 38 da edición do ano pasado.

Así, a Concellería de Turismo, en colaboración coa Unión de Hosteleiros, cumpren co obxectivo da posta en valor da gastronomía ourensá, a dinamización da hostelería local e a promoción dos estatablecementos hosteleiros da cidade.

Nesta edición haberá 3 galardóns outorgados pola prensa, votación popular e un xurado profesional. No caso do xurado profesional, os seus membros percorrerán durante unha semana os diferentes establecementos, puntuando as propostas elaboradas por tódolos participantes inscritos no concurso.

Desta primeira rolda, na que se terá en conta a presentación, elaboración, degustación, emprego de materias primas e actitude profesional, sairán os 14 finalistas, que o 16 de maio deberán elaborar, montar e explicar o seu pincho, en directo, ante o xurado profesional.

O xurado estará composto por 6 membros: 3 especialistas en gastronomía: Iago Pazos, do restaurante Abastos 2.0, Merchi Rodal, do programa Larpeiros da TVG, Alfonso López, blogger de Recetasderechupete, 1 especialista da Guía Repsol, Miguel Vila, xornalista e crítico gastronómico, director da revista gastronómica Benbo

En total outorgaranse 9 premios (3 por categoría) para os establecementos participantes e nesta edición os veciños e veciñas que se animen a achegarse aos establecementos, recibirán un agasallo pola súa participación.

Parellamente ao concurso, o luns 22 de abril, haberá unha xornada de formación no restaurante Nova, na que se contará coa participación de Abastos 2.0, un grupo de representantes dunha nova filosofía e concepto innovador de traballar na cociña.