domingo, 21 de abril de 2013

Xeodestinos en Ourense

Xeodestinos en Ourense, Manuel Baltar e Nava Castro concordan en que os seis xeodestinos de Ourense deben ofrecer aos turistas unha oferta atraínte, diferenciada e de calidade.
 
Potenciar as singularidades de cada comarca da provincia de Ourense e poñer a disposición dos visitantes unha oferta turística diferenciada e personalizada, son os obxectivos do mapa de "xeodestinos" da provincia de Ourense que se analizou na xuntanza mantida entre presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, cos máximos responsables da xestión turística en Galicia: Nava Castro, secretaria xeral de Turismo; José Paz, xerente do Xacobeo; Carmen Pita, directora de Turgalicia; José Luis Maestro, subdirector xeral de Ordenación, Inspección e Planificación Turística, e Elena Barca, xerente da Axencia de Turismo de Galicia.
 
Manuel Baltar e Nava Castro concordaron na necesidade de revisar os seis xeodestinos da provincia de Ourense "para que ofrezan aos turistas todo aquilo que demandamos cando planificamos e emprendemos unha viaxe: información de interese e claridade expositiva, ao que temos que engadir unha oferta diferenciada que potencie as singularidades que temos na nosa provincia, tanto dende o punto de vista histórico-etnográfico como gastronómico, termal e natural", afirma Manuel Baltar.
Na actualidade, o mapa dos seis xeodestinos da provincia de Ourense –que substituirá ao das comarcas, no que atinxe ao ámbito turístico- integra á Ribeira Sacra, O Ribeiro, as Terras de Ourense-Allariz, Celanova-Limia, Verín-Viana e Manzaneda-Trevinca. Precisamente, na xuntanza entre responsables da Deputación de Ourense e Turismo da Xunta de Galicia asumiuse o compromiso de revisar a nomenclatura, e a reorganización das divisións xeográficas para que o mapa final de xeodestinos recolla coa máxima fidelidade as peculiaridades de cada zona e permita levar a cabo campañas de promoción efectivas, que recollan toda a oferta turísticas que a provincia de Ourense ofrece aos visitantes.
 
Por medio do Inorde, a Deputación de Ourense ven realizando un amplo traballo de actualización e innovación turística coa posta en marcha do Código QR dos xeodestinos de Ourense, que xa permite visualizar a través de dispositivos móbiles a información detallada que ofrecen os concellos da provincia.
 
O presidente do goberno provincial dixo que esta é a primeira vez que se produce unha reunión entre o ente provincial e os máximos representantes do turismo en Galicia, "o cal agradezo e valoro moi positivamente, porque a coordinación entre administracións, neste e noutros ámbitos, é fundamental para que os proxectos non só se fagan realidade senón que cheguen con eficacia onde teñen que chegar que é a pé de rúa, aos cidadáns, para que poidan gozar deles".
 
Ademais dos xeodestinos, sobre a mesa de reunión estivo o análise das actuacións que proximamente se van desenvolver nos treitos do Camiño de Santiago aos seu paso polos diferentes municipios da provincia de Ourense, no que atinxe a melloras e limpeza de camiños e carreiros, sinalización, información e acondicionamento de albergues.