jueves, 23 de mayo de 2013

Arde Lucus 2013 programa entradas horarios

Programa Arde Lucus 2013

O Arde Lucus 2013 celebrarase o venres día 14, sábado 15 e domingo 16 de xuño e as entradas para o Circo Romano poranse á venda o día 1 de xuño a través de www.lugo.es/compradeentradas

Axudemos coa nosa participación a que a festa de Interese Turístico Galego sexa denominación de Interese Turístico Nacional

É unha das nosas festas preferidas tal e como comentamos no post Arde Lucus de fai uns anos



Dende a web do concello de Lugo a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron esta mañá o programa do Arde Lucus 2013, festa que acada este ano a súa duodécima edición co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego e que se desenvolverá dende o 14 ao 16 de xuño. No acto tamén estivo a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín.

Na presentación, Carmen Basadre, que estivo escoltada por membros da Guardia Pretoriana, indicou que estamos xa próximos a unha data moi importante para a cidade como é o Arde Lucus, uns días nos que “a Muralla de Lugo abre as súas portas para recibir a multitudes de todos os pobos e de todas as nacións e que se converter na capital do Imperio para milleiros de persoas que se achegan a visitar a única cidade que conserva unha muralla romana en pé con todo o seu diámetro”.

“Este ano hai máis de 190 actividades, das que 55 son novas con respecto ás edicións anteriores aínda que se seguen mantendo as clásicas” segundo indicou Basadre que, ademais, sinalou que hai varias novidades importantes. Así, por primeira vez na historia do Arde Lucus, vai haber varias actividades con gladiadores romanos chegados de Bérgamo e que interactuarán co público que asista as súas loitas, son os Arsdimicandi, uns especialistas que participaron, entre outros, na serie de televisión Roma.

Outras das novidades é a participación de asociación cultural Tierraquemada de Numancia que se especializou no estudo e escenificación das guerras numantinas e farán unha representación das mesmas en Lugo sobre a vida e guerra dos celtíberos.

Tamén este ano se dan cambios de ubicacións de actividades tradicionais como poden ser os bautizos celtas que este ano se celebrarán na Portamiñá ao carón da fonte, ou as olimpíadas dos clubs deportivos da cidade que pasarán a ser na Praza Maior. Outra das actividades que cambian de situación é o encontro final entre as lexións romanas e as tribos castrexas que este ano será na Porta de San Fernando.

Como en anos anteriores haberá o Macellum, onde se poderán mercar produtos típicos, espectáculos de teatro pola rúa, as vodas e bautizos polo rito celta e romano, desfiles de tropas, as bacanais ou as loitas entre romanos e castrexos. Tamén haberá o clásico Circo Romano, que terá novidades, e o espectáculo de Heroes e Deuses; a constitución do senado romano, formado por veciños da cidade que levarán a cabo diferentes actuacións; a constitución das Asemblearias, un grupo de mulleres guerreiras que a través da dialéctica comprometerá ao Senado; unhas olimpíadas romanas protagonizadas por clubs deportivos da cidade entre as que haberá loitas grecorromanas ou esgrima clásica entre outras moitas actuacións.

A Castra de Lucus Augusti estará situada nun espazo verde situado no Carril dos Fornos, que conta cunha zona ampla para a realización de diferentes actividades. Nel montarán os campamentos as asociacións de Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Lugdunum, Terra Copora e Tir Na N'Og, e Lvcvs Eqvites. A Cohors III Lucensium asentarase na Praza Maior que realizará varios desfiles ao longo do fin de semana. Finalmente, o campamento Trebas Galaicas estará situado no cantiño de Nemesio Cobreros.

Tamén é o caso do Miúdo Arde, situado na Praza de San Marcos, na que desenvolverá o seu apertado programa e que se presentará como novidade Qui somnia. Solis et venti e numerosas actividades de teatro e animación para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

A Concelleira de Cultura animou a todos a participar e “a que a xente desfrute e revivan o noso pasado porque desa maneira tamén estamos facendo historia ademais de que nos tempos complicados que nos tocaron vivir tamén se necesita algo de desfrute moito grazas aos veciños e veciñas que se involucran para que isto saia perfecto”. Basadre tamén sinalou a repercusión económica que teñen estas festas para a cidade polo gran retorno económico.

Neste 2013, puxéronse novamente en marcha obradoiros destinados á comunidade escolar e, a través, da participación das asociacións de recreación histórica da nosa cidade nas actividades do Arde Lucus e nas previas do Lvcvs Cultural.

As empresas patrocinadoras deste Arde Lucus 2013 son: Excma. Deputación Provincial de Lugo, Fundación TIC, La Caixa, Estrella Galicia, Asogal, Gestagua, Caixa Rural Galega, ALSA, Urbaser, Novagalicia Banco, Coca-Cola, CC As Termas, Her-Vei S.L., GADISA, Sanle S.L., Calfensa, OLA, Asociación Española de Fiestas y Recreación Histórica e o Cook.

O programa poderá descargarse no sitio web do Arde Lucus www.ardelucus.com


Entradas Circo

A Concelleira de Cultura tamén anunciou que o día 1 de xuño se pon a venda as entradas para o Circo Romano e o espectáculo Heroes e Deuses que se farán a través da web www.lugo.es/compradeentradas cun servidor propio do Concello polo que os que as merquen aforrarán os gastos de xestión coa entidade bancaria. O prezo das entradas será de 2 euros.

Coa estrea deste servidor tamén se poderán comprar as entradas para todos os espectáculos e actividades que se desenvolven dentro da actividade cultural de Lugo no Auditorio Gustavo Freire durante o resto do ano