martes, 21 de mayo de 2013

Encontro das culturas Lugo 2013

VI Encontros das Culturas Lugo

Encontros organizados polo Concello e que terán lugar os días, 20. 21, 22, 23 e 24 de maio.

PROGRAMA

A programación comezará o luns 20 ás 19:00 horas coa proxección dun documental Camiños de paz: as outras voces de Israel-Palestina producido pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e a Asemblea de Cooperación pola Paz. Na presentación do documental participará Alejandro Quiñoá Casteleiros e o operador de cámara do documental Hugo Fernández Balseiro. Ao remate do acto que terá lugar no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, haberá unha degustación de comida árabe e inaugurarase unha exposición fotográfica co mesmo nome do documental.
O martes 21 celébrase o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e Desenvolvemento coa inauguración da exposición Imaxes con Fondo e a presentación do documental O fondo galego:compromiso coa solidariedade a cargo de Carmen Novas, responsable de comunicación do Fondo Galego e voluntaria da Asociación Galega de Reporteiro Solidarios. Os actos comezan ás 19.00 horas no Centro de Convivencia de Fingoi.

A exposición de fotografías, que poderá visitarse ata o 26 de maio, pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe. Deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada por 19 obras que apostan polas condutas solidarias e respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan. A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, o respecto ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas.
O mércores 22 de maio as actividades están dirixidas para o público máis pequeno xa que se levará a cabo o contacontos A música das árbores, unha viaxe conto musical do Courel a Bangladesh de Anxo Moure. Será ás 17.00 horas no Centro Convivencia Maruja Mallo e ás 19.00 no Centro Convivencia Uxío Novoneyra.
O 23 de maio Nieves Pazos, Zita Méndez e Isabel Ozores Sieira impartirán diferentes charlas informativas sobre o dereito a atención sanitaria e novidades en estranxeiría ás 19.00 horas no Centro Convivencia Uxío Novoneyra.
Finalmente, ás 19.30 da tarde do venres 24, celebrase, no Centro de Convivencia de Fingoi o Concerto Entre Culturas da man do músico uruguaio, Walter César López, que coa súa música fará un percorrido por diferentes zonas de Uruguai da man de Alfredo Zitarrosa.