martes, 28 de mayo de 2013

Premio para Agoraphobia Concurso SonRías Baixas 2013

As boirenses Agoraphobia fanse co premio do xurado do I Concurso SonRías Baixas

Actuarán no escenario principal do Festival, xunto a The Toy Dolls, Talco, Boikot, Rulo e La Contrabanda, entre outros artistas aínda sen confirmar, e recibirán un premio de 1.000 euros.
Os pontevedreses Vortex gañaron o Premio SonRadio Galega, dotado con 500 euros, a oportunidade de actuar no Festival e na TVG e a gravación dunha maqueta na RG

A organización decidiu crear un accésit para a banda máis votada polo público, os tamén pontevedreses Qué desilusión!, en vista da enorme implicación obtida, ofrecédolles a posibilidade de actuar na festa de apertura do Festival e un premio en metálico de 300 euros
O SonRías Baixas, que celebrará a súa XII edición os días 2 e 3 de agosto en Bueu, conquistou o ano pasado a máis de 15.000 persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado. As entradas xa están á venda na súa web

A banda de rock Agoraphobia fíxose co premio do xurado no I Concurso SonRías Baixas (#SRB2013), o que lles permitirá ás cinco mozas boirenses que a compoñen actuar no XII Festival SonRías Baixas, que terá lugar os días 2 e 3 de agosto en Bueu, xunto a bandas de referencia como os británicos The Toy Dolls, os italianos Talco, os madrileños Boikot ou Rulo e La Contrabanda. Tamén actuará no SonRías a banda pontevedresa de metalcore melódico Vortex, gañadora do Premio Son Radio Galega. E, en vista da enorme implicación do público, que apoiou esta primeira edición do concurso votando masivamente na páxina do Facebook do Festival, a organización decidiu crear ademais un accésit para a banda máis votada e ofrecerlle ao grupo pontevedrés de rock urbano Qué Desilusión! a oportunidade de actuar na festa de apertura do SonRías, a Troula Benvida, o xoves 1 de agosto no Aturuxo de Bueu e obter un premio en metálico de 300 euros.
O Festival, que é unha cita de referencia a nivel estatal, conquistou o ano pasado a máis de 15.000 persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado. A organización anuncia que nos próximos días pechará o cartel e subirá o prezo das entradas, que están á venda cun prezo reducido de 19 euros o abono de dous días, coa acampada incluída.
A mestura rock garage e indie das Agoraphobia
Cos seus característicos toques garage e acentos indie sobre unha enerxética base rockeira, as Agoraphobia impuxéronse ás outras bandas finalistas: Qué Desilusión!, Fei, Ke+Da, La4Pared, Malkeda, La Banda de Andrelo, Ítaca Band e Skarallaos, despois de que os valencianos La Raíz quedaran fóra da competición por imcompatibilidade nas datas. Tomou a difícil decisión un xurado composto por Rubén Sierra, líder de La Pegatina; Juan Carlos Cabano Juankar, líder de Boikot; Salva Rodríguez Ronko, director de programación de Radio Vigo (SER); Faber, produtor musical; David, programador do Café Auriense; Víctor Cabaleiro Leiro, responsable da Sala Aturuxo; e Berta Domínguez, representante do SonRías Baixas.

O quinteto boirense naceu hai sete anos, cun nome que homenaxea aos estadounidenses Incubus e unha condición inalienable: que todas as integrantes do grupo foran mulleres. Co tempo, evoluiron dende as versións de clásicos do punk e do rock aos temas propios, gravaron a súa primeira maqueta autoproducida, Mentir y Gobernar, e foron entrando e saíndo ata chegar á formación definitiva: Susana (voz e percusión), Aislinn (guitarra), Sabela (guitarra), Lucía (baixo) e Paula (batería). Os cambios na composición do grupo troixeron aparellados cambios no estilo ata que a banda chegou á mestura de rock, indie e garage que hoxe a caracteriza, con trazos de artistas como Blondie, The Bangles, Jet o Les Plasticines, facilmente apreciables en temas como Lapdog, *#? ou Phrases for pulling. Actualmente, preparan unha xira chamada Show us your boobs, man, nova imaxe corporativa e o seu primeiro vídeo lyric. Hoxe mesmo, martes 28 de maio, ás 17h30 convocaron os seus fans na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, para a gravación dun vídeo.
O metalcore melódico de Vortex
A banda pontevedresa de metalcore melódico Vortex tamén se subirá ao escenario do SonRías Baixas, despois de imporse ao resto dos finalistas do Premio Son Radio Galega: The wayfarers, Arrhythmia, Maskarpone e Skarallaos. Vortex naceu no verán de 2010 da man de catro rapaces moi novos: Jacobo Sainz (guitarra e voz), Marcos Rodríguez (guitarra), Víctor García (baixo e coros) e Jonathan Portela (batería). Comezaron versionando clásicos de Metallica, Bullet For My Valentine, Trivium ou Avenged Sevenfold, pero pronto decidiron centrarse nas súas propias creacións. Actualmente, están preparando o seu primeiro traballo autoeditado e o seu primeiro videoclip. O 15 de xuño actuarán na sala Rouge Sound de Vigo
O rock urbano de Qué desilusión!
O grupo pontevedrés de rock urbano Qué desilusión! faise co accésit para a banda máis votada polo público, despois de conseguir 665 votos e impoñerse ás máis de 100 bandas que participaron no I Concurso SonRías Baixas. Así, poderán actuar na festa de arranque do Festival, o xoves 1 de agosto, no Aturuxo de Bueu, e recibirán un premio de 300 euros. Qué desilusión! naceu a finais do 2009 da man de Adrián (guitarra e voz), Alberte (baixo e coros), Charlie (guitarra) e Rubén (batería). O seu primeiro traballo, A golpe de alfil, xunta dez cancións letras sinceras que falan da noite, do desamor, da noite e das drogas. Influenciadas por grupos míticos do rock estatal como Barricada, Platero y Tú, Rosendo ou Los Enemigos, as súas composicións transmiten a frescura dos novos tempos sen perder o aroma recoñecible do rock clásico.