viernes, 7 de junio de 2013

Festival Ao Son do Masma Celeiro, Barreiros Lugo

O festival celebrarase o sábado 8 de xuño durante todo o día nunha finca á beira do Río Masma, na parroquia de Celeiro de Mariñaos (Barreiros – Lugo)

A xornada comezará coa apertura de numerosos postos de artesanía que encherán de vida e cores a beira do Masma. Tamén pola mañá se ten previsto realizar un roteiro, ao son do Masma, para pór en valor este recurso do concello de Barreiros que tan importante economicamente ten sido no seu momento.

Na hora do xantar, a organización contará con racións e bebidas a módicos prezos para que as persoas asistentes poidan disfrutar de toda a actividade sen necesidade de saír da propia finca na que se terán lugar as actividades.

A Irmandade San Caetano prepararanos unha deliciosa e enorme paella !!

Dende mediodía acompañarannos as actuacións musicais a cargo dos grupos Airiños da Freba e Noelia Fersán Grupo.

Á tarde contaremos coa música e o espectáculo de Cé Orquestra Pantasma e obradoiros de xogos populares. Tamén haberá como novidade un baixeo polo río Masma. Traede o voso aparello acuático para refrescarvos !

Encherán de fermosas melodías a tardiña ao son do Masma as amigas e amigos dos Cantos de Taberna do Bar O Porriño, coa súa festa e as súas cantigas tabernícolas!

Xa á noite, despois do día cargado de actividades, chegará o prato forte do Festival: os concertos. Un pedazo de grupo do chairego concello de Mosteiro-Pol que a bo seguro sorprenderá e fará as delicias dos presentes.
O comezo do espectáculo non é máis que a premonición da calidade e do bo gusto da súa actuación. Son Leña Verde…mais son moito máis ca fume!!! Como dí o seu disco, “conservas de música tradicional”. Pois na mesma lata vén a música, a festa, a alegría, as gañas de saltar, cantar, bailar… Traede as gorxas afinadiñas e os pés descansados que o 8 de xuño hai que incarlle o dente a toda unha lata de Carapaus!!!! E pechando Ao son do Masma, ao igual que pechando o diccionario, que por iso, entre outras cousas, escolleron o nome, Zurrumalla!!!
Porque así son eles, espontáneos, e festeiros, sobre todo moi festeiros, inesgotables. Así que ídevos preparando porque o día 8 o Masma vai baixar ben cargadiño de música, de festa e de troula. Lumeeeee!!!!!
O festival contará tamén cunha zona de acampada habilitada para que as persoas que o desexen poidan pasar a noite e disfrutar do II Ao Son do Masma sen preocupacións.
Desde as asociacións organizadoras amósanse moi ilusionadas con esta actividade e animan a asistir durante todo o día para poder tomar parte de todas as actividades programadas.

Ver más en festivales en Galicia 2013