domingo, 9 de junio de 2013

Grupos cartel SonRías Baixas 2013

Los Enemigos, Riot Propaganda, Dakidarría e Foxy Freire completan o cartel do SonRías Baixas

•Súmanse a os británcios The Toy Dolls, os italianos Talco, os madrileños Boikot, o cántabro Rulo y La Contrabanda e os galegos Agoraphobia, Vortex e Qué desilusión! que xa foran anunciados
 
•A XII edición do Festival ofrecerá máis de 20 horas de música os días 2 e 3 de agosto en Bueu, onde o ano pasado congregou a máis de 15.000 persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno. As entradas xa están á venda na súa web

O Festival SonRías Baixas 2013 presentou hoxe no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia de Santiago de Compostela o programa musical da súa XII edición, que terá lugar os días 2 e 3 de agosto en Bueu. Serán máis de 20 horas de música, da man de máis de dez bandas de referencia na escena rock europea, española e galega.
Los Enemigos, que durante case vinte anos foi unha das bandas máis importantes do rock español, e Riot Propaganda, nova marca que une dous referentes musicais e políticos como os madrileños Habeas Corpus e os valencianos Os Chikos do Maíz, súmanse aos xa anunciados Talco, banda destacada do último Viña Rock; The Toy Dolls, banda punk británica que marcou a toda unha xeración; Boikot, emblema do rock social español; e Rulo y La Contrabanda, o exitoso novo proxecto do líder de La Fuga.
A participación galega virá da man de Dakidarría, que celebrarán no SonRías o seu décimo aniversario sobre os escenarios; Foxy Freire, proxecto rockeiro dun grupo de músicos de renome no mundo do jazz; e das bandas gañadoras do I Concurso SonRías Baixas: as boirenses Agoraphobia e os pontevedreses Vortex e Qué desilusión! Pecharán as noites, tralos pratos, Faber e Cristian Domínguez.
Jordi Lauren, representante da organización, recordou esta mañá na rolda de prensentación que o SonRías Baixas é moito máis ca un festival de música. “Non só ofrecemos concertos”, asegurou, “senón unha fin de semana de ocio cultural e natural nun lugar privilexiado. Camiñamos cara o concepto de Experiencia SonRías, que inclúe música, praia, gastronomía e todo o que un público cada vez máis esixente precisa para pasar dous días inesquecibles, que os satisfarán plenamente”. Neste sentido, Lauren anunciou que, ademais da zona de acampada de As Lagoas, de acceso gratuíto ata completar aforo, este ano o público do Festival poderá reservar previamente a súa tenda de glamping, un servizo que ata o momento non se ofrecera en Galicia e que The Glamping Company traerá ao SonRías Baixas en primicia.
As tendas de glamping estarán montadas e listas para usar o xoves a partir das 14h e o prezo oscila entre os 60 euros que custa alugala unha persoa ata os 70 que custa alugala entre catro. Ofrécese máis información sobre o servizo na web do Festival.
Félix Juncal Novas, alcalde de Bueu, incidiu tamén no concepto de “experiencia global” que ofrece o Festival e recordou que o recinto, o Multiusos da Estacada, se atopa no centro de Bueu, polo que o público do Festival ten fácil acceso a todos os servizos que pode precisar ao longo da fin de semana. Félix Juncal salientou tamén o “beneficio colectivo” que o SonRías Baixas supón para todo o concello e recordou que se trata dun proxecto de base, que xurde da iniciativa dun grupo de mozos e mozas da vila e que se foi redimensionando ano tras ano ata chegar a ser a cita imprescindible que é na actualidade.

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles.
As entradas están á venda, por 24 euros o abono dos dous días, coa acampada incluída, en Servinova, Ticketea, Ticketmaster, nas tendas do Rei Zentolo e nos seguintes establecementos: Aturuxo (Bueu), Zappa (Bueu), Magic (Bueu), A Bolera (Moaña), Guerrilla (Cangas), LP (Vigo), A Reixa (Santiago) e Auriense (Orense).

O PROGRAMA MUSICAL
XOVES 1. Troula Benvida no Aturuxo
Faber
Qué desilusión
 
VENRES 2.
No Escenario Troula na Banda de A Estacada
Los Enemigos
Rulo y La Contrabanda
Talco
Dakidarria
Agoraphobia
 
SÁBADO 3. No Escenario Troula na Banda de A Estacada
The Toy Dolls
Riot Propaganda
Boikot
Foxy Freire
Vortex
Troula despedida con Cristian Domínguez
OS ARTISTAS
THE TOY DOLLS, punk guitarreiro e divertido Rápidos, melódicos e moi divertidos, a banda punk británica The Toy Dolls chegan ao SonRías Baixas coa súa xira The tour after the last one e prometen non deixar títere con cabeza coa súa mestura pop-punk de frenéticos solos de guitarra, letras humorísticas e coros socarróns. O piar fundamental do grupo é o seu guitarrista e cantante, Michael "Olga" Algar, que ten sido descrito como un dos guitarristas máis orixinais e descarados da historia do punk. Sobre el recae o peso dun directo arrollador e uns temas que marcaron a múltiples xeracións, sinais de identidade dun grupo que non deixa de sumar fans en toda Europa, Estados Unidos e Xapón. "Olga” ven acompañado por Duncan Redmonds, na batería, e Tom Goober, co baixo. O que presentan é o 16º traballo da súa traxectoria musical, The Album After Last One, publicado en marzo de 2012 en España polo selo Maldito Records.

TALCO, ska-punk antifascista para rebelarse bailando Ska, punk, rock, folk, música balcánica... no "punk-chanka" de Talco caben todos os xéneros, sempre que se presten ao baile e á crítica política. Nacida en Marghera, un barrio industrial das aforas de Venecia coñecido por acoller unha das maiores rebelións obreiras da historia de Italia, a banda alternativa italiana que máis éxitos colleita en Europa caracterízase por un imparable apetito pola troula, dentro do marco da reivindicación anti-fascista, anti-racista e anti-capitalista. No SonRías presentarán o seu novo disco, Gran Galà, que viu a luz en novembro de 2012 a mans de Destiny Records e Broken Silence. Gran Galà é o seu traballo máis variado instrumentalmente e nel péganlle un bo repaso a Berlusconi, quen nas palabras de Talco: "arruinou a historia dun país que ten un forte arraigo na resistencia".

LOS ENEMIGOS. Rock contundente envolvido por un humor próximo ao delirio Los Enemigos foron durante case vinte anos una das bandas máis importantes do rock español. Un rock contundente con tinguiduras de rhythm and blues, riffs de guitarra intensos e letras cun humor próximo ao delirio, humor salvaxe e racional marcado pola personalidade de Josele Santiago, un dos grandes personaxes da nosa escena. Despois de dez anos de silencio, en 2012 volveron aos escenarios con forzas renovadas e un repertorio perdurable, que segue pellizcando a iniciados e asombrando a neófitos.

RIOT PROPAGANDA. Habeas Corpus e Los Chikos del Maíz unen as súas forzas Dous referentes musicais e políticos como os madrileños Habeas Corpus e os valencianos Los Chikos del Maíz unen as súas forzas baixo o nome de Riot Propaganda, un proxecto incendiario onde o rap, as guitarras e un discurso directo e comprometido danse da man até debuxar unha atmosfera que remite ao caos e á destrución máis absoluta. Un show de máis de dúas horas que rebentará o Festival Sorrías Baixas axuntando materiais altamente inflamables: por unha banda, o repaso aos máis de vinte anos sobre os escenarios de Habeas Corpus e, polo outro, as versións guitarreras dos temas máis frescos e irreverentes dos Chikos do Millo. Entre medias, as novas cancións do proxecto común. Como grita Riot Propaganda: “O medo vai cambiar de bando”. BOIKOT. A banda sonora da revolución Ritmos trepidantes, compromiso social e mensaxe política caracterizan a Boikot, unha das bandas máis míticas do rock estatal desde o seu nacemento a finais do oitenta. Os madrileños traen ao Festival SonRías Baixas o seu último traballo, Lágrimas de Rabia, que retrata estes tempos de tempestade económica mundial e axitación crecente nas rúas. Tempos de dramas cotiáns que os Boikot interpretan en clave internacionalista, incorporando sons e realidades doutras latitudes. Nos seus concertos caben sons de todas as cores e sabores: hits punkrockeros, melodías máis coidadas, arranxos sorprendentes, textos íntimos e chamadas a revolución. Queren que roden cabezas e que cando chegue a revolución nos colla bailando e dende a organización aseguran que o Festival SonRías é un bo lugar para comezar.

RULO Y LA CONTRABANDA. Poesía rockeira en vías de extinción Rulo é un dos referentes do rock español, coas súas letras profundas e a súa poesía urbana, contando e cantando ao amor, aos soños e ao paso do tempo. Curtido nas listas de éxitos con La Fuga, entre os noventa e a primeira década do século XXI, o músico cántabro gravou seis discos e deu centos de concertos por diferentes países. No outono de 2009 abandou o proxecto, pero non a música. En menos dun ano, estaba xa gravando o seu primeiro disco con La Contrabanda, Señales de Humo, co que chegaron a ser número un de vendas e deron 69 concertos en tres países. A Bueu traen o seu segundo disco, Especies en extinción, unha mestura de blues, pop melódico, rock fronteirizo e ese toque poético seu coa que están a encher as salas máis importantes do panorama estatal.

DAKIDARRÍA. Dez anos de ska, reggae e punk-rock festivo e combativo Desde Nigrán ata Bueu viaxa esta big band que está dando moito que falar dentro do novo panorama musical estatal. Unha descarga de festa e compromiso que leva dez anos poñendo o público a bailar, a pensar e a soñar cun directo electrizante.Dakidarría logra un son fresco, divertido e desenfadado coa súa particular fusión de ska, reggae e punk-rock e pon a festa ao servizo das loitas sociais de onte, hoxe e mañá: os dereitos da muller, os dereitos lingüísticos, a solidariedade internacional e a guerra contra o pasotismo, o individualismo, o consumismo e a manipulación da prensa.

FOXY FREIRE. Toda a enerxía do rock and roll clásico O rock de finais dos 60 e comezos dos 70 nutre este proxecto que levan xa case tres anos curtíndose polos escenarios das mellores salas galegas e do norte de Portugal. Os Foxy Freire ofrecen un espectáculo cheo de enerxía e rock and roll, fortemente influenciado por bandas como MC5, The Doors, Jimi Hendrix, Led Zeppelin, Black Sabbath, Blue Cheer, Leaf Hound, Cream e Grand Funk Railroad, entre outras moitas.

I CONCURSO SONRÍAS BAIXAS A mestura rock garage e indie das Agoraphobia Cos seus característicos toques garage e acentos indie sobre unha enerxética base rockeira, as Agoraphobia impuxéronse como gañadoras do premio do xurado no I Concurso SonRías Baixas. O quinteto boirense naceu hai sete anos, cun nome que homenaxea aos estadounidenses Incubus e unha condición inalienable: que todas as integrantes do grupo foran mulleres. Co tempo, evoluiron dende as versións de clásicos do punk e do rock aos temas propios, gravaron a súa primeira maqueta autoproducida, Mentir y Gobernar, e foron entrando e saíndo ata chegar á formación definitiva: Susana (voz e percusión), Aislinn (guitarra), Sabela (guitarra), Lucía (baixo) e Paula (batería). Os cambios na composición do grupo troixeron aparellados cambios no estilo ata que a banda chegou á mestura de rock, indie e garage que hoxe a caracteriza, con trazos de artistas como Blondie, The Bangles, Jet o Les Plasticines, facilmente apreciables en temas como Lapdog, *#? ou Phrases for pulling. Actualmente, preparan unha xira chamada Show us your boobs, man, nova imaxe corporativa e o seu primeiro vídeo lyric. Hoxe mesmo, martes 28 de maio, ás 17h30 convocaron os seus fans na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, para a gravación dun vídeo.

O metalcore melódico de Vortex A banda pontevedresa de metalcore melódico Vortex tamén se subirá ao escenario do SonRías Baixas, despois de imporse ao resto dos finalistas do Premio Son Radio Galega: The wayfarers, Arrhythmia, Maskarpone e Skarallaos. Vortex naceu no verán de 2010 da man de catro rapaces moi novos: Jacobo Sainz (guitarra e voz), Marcos Rodríguez (guitarra), Víctor García (baixo e coros) e Jonathan Portela (batería). Comezaron versionando clásicos de Metallica, Bullet For My Valentine, Trivium ou Avenged Sevenfold, pero pronto decidiron centrarse nas súas propias creacións. Actualmente, están preparando o seu primeiro traballo autoeditado e o seu primeiro videoclip. O 15 de xuño actuarán na sala Rouge Sound de Vigo.

O rock urbano de Qué desilusión! O grupo pontevedrés de rock urbano Qué desilusión! faise co accésit para a banda máis votada polo público, despois de conseguir 665 votos e impoñerse ás máis de 100 bandas que participaron no I Concurso SonRías Baixas. Así, poderán actuar na festa de arranque do Festival, o xoves 1 de agosto, no Aturuxo de Bueu, e recibirán un premio de 300 euros. Qué desilusión! naceu a finais do 2009 da man de Adrián (guitarra e voz), Alberte (baixo e coros), Charlie (guitarra) e Rubén (batería). O seu primeiro traballo, A golpe de alfil, xunta dez cancións letras sinceras que falan da noite, do desamor, da noite e das drogas. Influenciadas por grupos míticos do rock estatal como Barricada, Platero y Tú, Rosendo ou Los Enemigos, as súas composicións transmiten a frescura dos novos tempos sen perder o aroma recoñecible do rock clásico.

FABER. Unha sesión para bailar en primicia absoluta os hits do futuro Caracterizado polas súas mezclas de novidades, Faber Cores traerá á Troula Benvida o que pronto serán hits indiscutibles do pop e do rock. Unha mestura irresistible de pop, rock e electrónica que nos farán bailar e disfrutar ata altas horas… E, chegado o momento, os temas dos 80 que marcaron unha etapa musicalmente inolvidable. Faber é compañeiro de andanzas de Ricardo Alonso no programa Estudio 3 da Radio Galega Música e máis no grupo Estudio3 Dj’s, xunto con Custis Dj, o terceiro mosqueteiro. Aproveita os seus coñecementos musicais para facer vibrar ao público, fin de semana tras fin de semana, en festivais e clubes de toda Galicia e do resto do Estado. Participará no SonRías Baixas despois de pasar polo Brincadeira, Pulpopop, Festival do Norte ou PopUp en Razo, entre outros moitos. Non vos perdades esta oportunidade de bailar, en primicia absoluta, os hits do futuro.

CRISTIAN DOMÍNGUEZ. Paixón pola música electrónica Este novísimo pontevedrés que se move entre o electro house, dirty dutch, progressive e -nos últimos tempos- o Dubstep e o Trap, só leva dous anos subíndose aos escenarios e parece que nacera detrás duns platos. A súa paixón pola música electrónica transmítese ao público, que vibra nunhas sesións que pouco teñen que envexarlle ás dos seus ídolos: Dj Ravine, Dj Bl3nd, Dj Chuckie, Hardwell, Afrojack, Tiesto, Laidback Luke ou Sidney Samson. Conseguiu que os programadores viran o enorme talento que esconde a súa curta idade subindo á rede vídeos co seu traballo. En novembro de 2012 publicou o seu primeiro tema, “Like this”, da man dos arxentinos Desvork, e recibiu o apoio de grandes produtores do xénero, como Deorro, Modulation, Starkillers y Cratesz. Non cabe dúbida de que chegará lonxe. Daquela, poderedes dicir que o vistes no SonRías Baixas 2013. Non deixedes escapar a oportunidade