viernes, 30 de agosto de 2013

Galicia Calidade presente en Iberjoya Madrid

Destacada presenza de Galicia Calidade na feira Iberjoya Madrid 2013 del 11 al 15 de setembro en IFEMA Madrid, onde estará representada por cinco empresas de xoiaría que contan co selo de garantía como son Ardentia, Fink Orfebres, Óscar Rodríguez, Piropo Joyas e Unión Joyera de Bergondo.
 
Iberjoya 2013 Madrid é unha feira dirixida exclusivamente a profesionais, que se celebrará entre o 11 e o 15 de setembro no recinto feiral de IFEMA en Madrid. Na súa pasada edición convocou a máis de 14.500 visitantes de 82 países, a maioría europeos, aínda que tamén procedentes doutros continentes. O obxectivo deste certame, que cumpre xa a súa edición número 50, é ofrecer un entorno estratéxico, un encontro de oferta e demanda onde os participantes, tanto expositores como visitantes, podan descubrir ideas e encontrar novas oportunidades de negocio. Nel danse cita deseñadores, fabricantes e firmas nacionais e internacionais e comparten espazo a alta xoiería e as novas propostas de vangarda. Así, as cinco empresas galegas que participarán nesta edición poderán presentar os seus produtos e estratexias pero tamén coñecer a oferta xeral que presenta o sector, contactar con canles de distribución de todo o mundo e así impulsar a exportación ou reforzar a súa imaxe de marca.
 



Ardentia presentará en Iberjoya a súa colección Enova, en prata e acibeche con pendentes, aneis, colgante e alfinete.
 
Fink Orfebres levará ao recinto feiral de Madrid a súa colección Sacapunto, un aderezo tradicional de pendentes e colgantes de acibeche, ouro verde e ouro.
 
Piropo Joyas dará a coñecer a súa colección Natureza Visual en prata, con turquesa reconstruída, coral e ónix en colgante, pulseira, pendentes e anel.
 
Pola súa banda Óscar Rodríguez Joyeros preséntase coas súas coleccións Tesouros do Mar, xoias de cunchas con ouro, metais preciosos e diamantes e Tesouros da Terra, xoias de minerais, con ouro, metais preciosos e diamantes.
 
E Unión Joyera de Bergondo participará nesta edición de setembro 2013 coas súas coleccións Natureza, sortella flor de ouro branco e diamantes, e Vulcano, tres solitarios de rodio, ouro rosa e ouro branco.
 
Convenio coa Consellería de Economía e Industria
O Colexio Oficial de Xoiaría e a Consellería de Economía e Industria manteñen en vigor un convenio desde o ano 2012 a través do que as pezas elaboradas polos xoieiros galegos poden ser avaladas polo selo Galicia Calidade. Actualmente  as empresas Ardentia, Fink Orfebres, Orfega, Piropo Joyas, Óscar Rodríguez Joyeros e a Unión Joyera de Bergondo están amparadas por esta marca de garantía, unha certificación que só se outorga a produtos e servizos que traballan con materias primas de alta calidade, desenvolven unha produción óptima e aportan excelencia no servizo.
 
Entre os requisitos que se deben reunir para obter esta certificación figuran a necesidade de que se deseñen y fabriquen en Galicia e que tamén estea nesta comunidade o seu centro de produción; o acabado da peza debe ser impecable (non pode haber imperfeccións na fundición e o pulido ten que ser perfecto en todas as súas caras, entre outros); as pezas deben ter etiquetas con información detallada da peza ou colección e contar cunha garantía mínima de 3 anos. Todo co obxectivo de ofrecer produtos de calidade fieis á tradición artesanal de Galicia.
 
O selo de Galicia Calidade outórgase a pezas e coleccións concretas, como as que presentarán en Iberjoya as marcas galegas que neste 2013 están avaladas por este certificado de garantía. Así, unha comisión encárgase periodicamente de avaliar os proxectos presentados polas distintas empresas para que poidan acceder tamén ao uso desta marca de prestixio e calidade.
 
Galicia Calidade, ademais de conceder o seu selo, apoia ao sector nas súas campañas de promoción, asistencia a feiras e todo tipo de eventos que permitan reforzar o prestixio da xoiería galega non só en España senón tamén a nivel internacional. Esta estratexia permite ás empresas buscar novos mercados, especialmente noutros países e reforzar así as súas estratexias de internacionalización. 
 
O sector da xoiería
España é o cuarto produtor europeo de xoias. O seu traballo distínguese polo valor engadido que aporta ás súas pezas, o deseño, e pola calidade e acabados das mesmas. Uns sinais de identidade que se reforzan con iniciativas como o selo Galicia Calidade que permite aportar unha certificación oficial dos produtos que se ofrecen ao cliente.
 
En Galicia, a Federación Galega de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros reúne a case 450 empresas, comerciantes e tamén fabricantes, tanto industriais como artesanais, a súa facturación en 2012 acadou case os 100 millóns de euros e da traballo a máis de 1.500 persoas.  O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, constituído no ano 2007, desenvolve a súa actividade en coordinación coa Federación e conta con máis de 600 colexiados que traballan en xoiería, ourivaría, pratería, reloxería e xemoloxía de Galicia. Entre os seus obxectivos principais figuran afianzar o recoñecemento do traballo da xoiería (estar colexiado é obrigatorio para o exercicio desta profesión) e garantir que o consumidor reciba un trato profesional.