sábado, 17 de agosto de 2013

Mostra sobre malla tradicional no Mosteiro de Carboeiro Silleda

O mosteiro románico de Carboeiro alberga distintas mostras que complementan os milleiros de visitas realizadas nesta tempada alta do verán por turistas e visitantes.
 
Na sala de exposición do mosteiro pode visitarse unha mostra con apeiros e utensilios relacionados coa tradición da malla en Galicia e a elaboración do pan.
 
Estas pezas foron cedidas polo Museo Etnográfico Casa do Patrón, de Doade (Lalín) co que o Concello de Silleda asinou un convenio de colaboración para a promoción conxunta de ambas entidades. Males, cribos e mesmo unha aventadora de manivela forman parte da mostra, que estará en Carboeiro ata o vindeiro día 30 de setembro. A tradición da malla revivirase un ano máis o vindeiro día 31 en Doade.
 
Logo da mostra sobre a malla, o mosteiro silledense acollerá outra sobre o proceso do liño, con pezas tamén cedidas pola Casa do Patrón.
 
Ao mesmo tempo, Casa do Patrón e Carboeiro forman parte do proxecto Museos do Rural, unha iniciativa pioneira de promoción conxunta na comarca do Deza na que figuran tamén o Museo da Minería de Fontao e a Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño.