lunes, 9 de septiembre de 2013

Conciertos música clásica Vigo Fundación Novacaixagalicia

Arranca da tempada dos abonos de música clásica de Novacaixagalicia

  • Os abonos supoñen un aforro do 20 % ao respecto dos importes dos billetes soltos
  • Os desempregados, os maiores e a xente nova poden beneficiarse da política de bonificación e descontos da fundación
  • Con Lawrence Renes ou David Afkam á batuta e as sopranos Isabel Rey e Nicole Cabell, entroutros

A Fundación Novacaixagalicia pon á venda os abonos da súa nova tempada de música clásica viguesa a partir de mañá, martes 10, e ata o 27 de setembro mediante as súas canles habituais de comercialización de espectáculos, a web de Servinova, www.servinova.es, e a billeteira telefónica 902 504 500. Todos aqueles que desexen facerse coas entradas soltas poderán facelo polo mesmo sistema a partir do 30 de setembro. Ademais do aforro que supón o abono, un 20 % a respecto dos prezos dos billetes soltos, a fundación galega ten en marcha unha política de bonificacións e descontos para os desempregados, os xubilados e os novos que supoñen unha rebaixa adicional dun 10 % a respecto do prezo dos abonos. Todas as funcións terán lugar no teatro do centro cultural da entidade en Vigo, emprazado na rúa Policarpo Sanz, 13.

A tempada de clásica da Fundación Novacaixagalicia, que vai dende outubro ata decembro de 2013, ofrece ao espectador obras de Mahler, Beethoven, Brahms, Sibelius o Haydn da man de directores como Lawrence Renes, Paul Daniel o Víctor Pablo Pérez e con solistas como Benjamin Schmid ao violín ou Paul Lewis ao piano ou as sopranos Isabel Rey e Nicole Cabell.


Os concertos

A primeira das ofertas musicais da temporada terá lugar o xoves 10 de outubro, cando a Orquesta Sinfónica de Galicia presentará un programa homenaxe a Antón García Abril, con obras de Samuel Barber, Gustav Mahler e o propio Antón García Abril. Con Lawrens Renes, actual director musical da Ópera Real de Suecia, á batuta, contará tamén coa soprano Nicolle Cabell, gañadora en 2005 da BBC Singer of the World Competition. O concerto comezará ás 20:30 h no teatro do Centro Cultural Da Fundación Novacaixagalicia.

A segunda cita do último trimestre do ano será o venres 18 de outubro da man do director Paul Daniel e coa presenza da soprano Isabel Rey acompañando á Real Filharmonía de Galicia. O programa deste concerto, que terá lugar ás 20:30 h, estará alicerzado en obras de Mahler, Beethoven e Octavio Vázquez.

David Afkham, en calidade de director, estará coa Orquestra Sinfónica de Galicia o xoves 7 de novembro ás 20:30 h no teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo. Con Benjamin Schmid ao violín, o programa abrangue obras de Webern e Brahms.

Este trimestre de abonos de música clásica continuará o mércores 13 de novembro, tamén ás 20:30 h cun concerto da Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Paul Daniel e o coro capela Compostelana dirixido por Miro Moreira. Interpretarán obras de Johannes Brahms e Jean Sibelius.

O xoves 12 de decembro a programación continuará coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Hakan Handenberger que é ademais un dos mellores solistas de trompeta na actualidade.  O programa do concerto inclúe nesta ocasión obras de Bach, Haydn, Heinz Karl Gruber e Francis Poulenc.

Para rematar a tempada, a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Víctor Pablo Pérez, chegará o xoves 19 de decembro. O concerto contará coa representación de obras compostas por Johannes  Brahms.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.