miércoles, 16 de octubre de 2013

Feira histórica en Arteixo

Feira Histórica en Arteixo este fin de semana del 18, 19 y 20 de octubre de 2013

Arteixo conta cunha luminosidade especial e con tantas tonalidades e aromas que darían para desenvolver auténticas obras mestras ou mesmo para recrear estampas gravadas a lume nos seus sentidos os canteiros, as peixeiras, as leiteiras, persoas que, noutrora, percorrían longas distancias a pé para desempeñaren os seus oficios.
O impresionismo e a diversidade de labores serviron de fonte de inspiración para celebrar a décimo cuarta edición da Feira Histórica, que como cada ano se celebra durante a terceira fin de semana de outubro. O 18, 19 e 20 de outubro Arteixo vestirase de época para conmemorar as distintas manifestacións artísticas e profesións que deixaron unha profunda pegada na nosa historia.
O Concello de Arteixo en colaboración co Centro Comercial Aberto logrará xuntar a milleiros de visitantes na vila durante estes tres días cun amplo programa de actividades que aglutina exposicións, performance, teatro, música folk e tradicional, música polas rúas, obradoiros, xogos populares, actividades deportivas, monicreques, postos de artesanía e de alimentación e moito máis.
Entidades locais colaboradoras
Existe un importante número de asociacións participantes na Feira Histórica Arteixo 1900. Como soe ser habitual, a Asociación de Pensionistas e Xubilados en colaboración con Narciso Vázquez, veciño de Pastoriza e coleccionista de antigüidades, participa un ano máis coa recompilación de fotografías e obxectos antigos que se exhibirán no Centro Cívico e que tan boa acollida ten sempre entre a veciñanza arteixá. A exposición inaugurarase o venres 11 de outubro ás 20:00 h na sala de exposicións.
Outras entidades que participan son a Asociación Escola de Teatro Melandrainas, que farán unha performance percorrendo o Paseo fluvial; o grupo de cantareiras e gaiteiros da Asociación Xuvenil Xiradela, que actuarán como entremés do grupo folk Birimbao o venres á noite na Praza do Balneario; a Asociación Cultural Queiroa, que acompañará ás autoridades polo recinto da feira coas súas danzas e músicas tradicionais o sábado á mañá e a Asociación de Palilleiras e Punto que realizará unha exhibición o domingo pola mañá na Praza do Balneario. As compoñentes da Asociación Cultural Faíscas poranse na pel dunhas lavandeiras de época e sacarán a roupa ao clareo na entrada do Paseo fluvial o domingo pola tarde. O toque musical porao a Asociación Cultural Mariana que na praza da igrexa preparará un baile de acordeón con acompañamento vocal coincidindo coas horas finais da feira.
O teatro, os monicreques, a danza e a música: elementos imprescindibles nun “Arteixo das artes” Unha das compañías presentes neste Arteixo 1900 é Teatro Malasombra. Xoque Carbajal e Josue García protagonizan un espectáculo cómico na súa peculiar Odisea Galaica. O venres 18 á noite e, tendo como escenario o Auditorio do Centro Cívico, farán un percorrido cheo de humor, con música, baile e moita leria pola nosa cultura, os nosos costumes e a nosa terra.
Marián e Luís González serán os manipuladores de Títeres Trompicallo en Jiñol, unha obra dinámica e divertida para toda a familia que se representará na Praza do Balneario o sábado pola tarde e onde as estrelas son 5 monicreques de luva.
O domingo 20 Teatro de Ningures traerannos un espectáculo ambulante de rúa: Os cómicos dell´auto. A través desta peza teatral representarase a vida dunha compañía de teatro ambulante que percorre as vilas e cidades de todo o mundo levando a ledicia en forma de cancións e comedias. A farándula está servida.
A Escola Cinderella mostraranos estampas de ballet clásico a través das súas alumnas durante o paseo fluvial.
O compoñente musical da Feira manifestarase a través de estilos moi diferentes. A vertente folk correrá a cargo de dous grupos míticos na escena galega, Birimbao e Berrogüeto. A mestura de ritmos variados como rumba, blues, rock ou reggae é algo moi característico nas actuacións de Pablo Balseiro e a súa banda o que se traduce nun repertorio alegre que convida ao baile e ao cante. A banda de soul Freedonia interpretará temas do seu primeiro disco, homónimo, publicado hai exactamente un ano, e que recibiu rapidamente o apoio de público, crítica e prensa especializada. Por suposto non poderían faltar outros rexistros musicais a través da orquestra Canadá, La Trova Coruñesa e as Bandas de Música Santiago de Arteixo e Visantoña.
Os visitantes da Feira, ademais de poder mercar nos distintos postos de artesáns que se estenden dende o Paseo fluvial até a Praza do Balneario poderán participar en diferentes obradoiros e actividades: xogos populares infantís e para adultos, construción de xogos como a chuca e o papaventos, debuxar con ferros, creación de cadros improvisados, manualidades decorativas cos oficios de antano, decoración de buxainas, de cestaría,...
A cea baile da Feira Histórica será como en anteriores edicións o sábado pola noite no Pazo dos Deportes. Estará amenizada pola orquestra Nueva Generación. As entradas, a 18,00 € cada unha, poranse á venda dende o luns 14 na billeteira do Centro Cívico Cultural de Arteixo nos seguintes horarios: de luns a xoves de 10:00 a 13:30 h e de 17:30 a 20:00 h, o venres de 10:00 a 13:30 h e de 17:30 a 21:00 h e o sábado de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 23:00 h.