miércoles, 13 de noviembre de 2013

Novembro con música 2013 en Carballo

Un total de 10 concertos nos que participan 25 agrupacións musicais conforman o programa do Novembro con música 2013

Carballo honra un ano máis a Santa Cecilia co programa Novembro con Música (NCM) que reúne a un total de 25 agrupacións que ofrecen dez concertos ao longo de todo o mes. Moitas das actividades constitúen citas xa consolidadas como o concerto de música tradicional 'Sons de aquí' -que abre o programa o sábado 9 de novembro-, o festival de rock 'Live in Cances', o concerto de Santa Cecilia, o Festival de Corais, o concerto da Banda Municipal que adoita pechar o programa ou o ciclo 'En Familia', dirixido aos máis cativos e cativas. Unha decena de actividades organizadas polo Concello e por moitas das asociacións culturais e agrupacións musicais do municipio, coas que colaboran organismos como a Deputación da Coruña. Este ano, ademais, o programa conta co patrocinio, por segundo ano consecutivo de Primera Persona Editorial. A maioría das citas, que se complementan cunha exposición e cos actos conmemorativos do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, teñen lugar nas instalacións do Pazo da Cultura, e todas son de balde ata completar o aforo dos espazos nos que se celebran. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, foi a encargada de presentar un programa que é "unha oportunidade para todos os amantes da música" e que tamén contribúe a mostrar o traballo realizado polas agrupacións musicais do municipio.
O festival folk "Sons de aquí", que ten lugar o sábado 9 de novembro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, recolle o mellor da música tradicional carballesa a través da participación de oito agrupacións acompañadas pola Banda de Gaitas Municipal, que expoñen o mellor do seu repertorio. Son as Cantareiras de San Campio de Cances, Asociación Lembranzas de Bergantiños de Bértoa, o grupo de Gaiteiros de San Cristovo, as Cantareiras Xoldreira da AC Nemeth, Vella Troula de Bergantiños de Bértoa, as Cantareiras e Cantareiros de AC Arume, a Escola de Gaitas da AC Arume e as Cantareiras Névedas de AX Arume. Ademais, moitas das citas incluídas no Novembro con Música poden ter lugar grazas ao Convenio Musical que se establece coas agrupacións do municipio e que implica a cesión de locais de ensaio no Pazo da Cultura, especialmente no caso das bandas de pop e rock, para que poidan desenvolver a súa creatividade musical. O festival rock Live in Cances está formado por varios destes grupos, nunha cita prevista para o venres 15 de novembro a partir das 22.00 horas. A programación ten un cartel formado por tres bandas de Carballo -The Gentleman Band, Versión Imposible e The Killer Cats- e unha da Laracha - Malavida-. A cita, organizada pola Asociación Cultural San Campio de Cances coa colaboración do Concello, ten lugar no Local Social de Cances.
No que respecta á música clásica, a Banda Municipal de Carballo é a principal expoñente deste xénero no programa, co tradicional concerto que pecha o NCM, neste caso o sábado 30 de novembro. Este ano estrearanse varias creacións, entre as que hai que subliñar unha nova canción do Coro do Conservatorio que dirixe Gloria Pardines. Como cada edición, a música coral conta con dúas citas consolidadas, o Festival de Corais na que participan as tres principais formacións carballesas o sábado 16 e o concerto de Santa Cecilia 2013, o sábado 23 de novembro, que organiza a Coral Polifónica de Bergantiños que esta edición trae como invitadas á Coral Polifónica Atalaya de Laxe e á Coral Airiños da Capela de A Capela. Para os máis cativos e cativas, o NCM 2013 ofrece dúas citas. Por unha banda, o concerto didáctico Fórmula Brass, o mércores 20 para alumnado de 5º e 6º de Primaria dos centros educativos carballeses. E, por outra, dentro do ciclo En Familia, Susana Herrera ofrece "En Cabárceno se oye cantar", un espectáculo musical e de animación o domingo 24 ás 18.00 horas. Esta cita está patrocinada pola Editorial Primera Persona.
Teatro, exposicións e cine nas actividades paralelas
O NCM 2013 complétase cunha serie de actividades paralelas. En primeiro lugar con teatro e a función "Smoke City" de Malasombra Producións, o martes 19 ás 12.00 horas e dirixido para alumado de Secundaria dos IES do municipio. A obra pretende concienciar sobre os perigosdo consumo de tabaco. A cita conta coa colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Así mesmo, o 22 de novembro un concerto da artista Njala Shami ameniza a entrega dos premios Abertos ao Galego, unha cita organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística no salón de actos do Pazo da Cultura. Como cada ano, o Concello de Carballo tamén conmemora o 25 de novembro contra a violencia de xénero. En primeiro lugar cun espectáculo lúdico e musical para alumnado de 1º de Bacharelato dos IES do Concello o propio 25 de novembro. E tamén coa exposición "Mulleres, de vida alegre?", cedida por Médicos do Mundo e organizada polo Centro de Información á Muller (CIM). Por último, está previsto celebrar un ciclo de cine co que colabora a Fundación Lumière e que conta con tres proxeccións dirixidas a nenos e nenas de Primaria.