martes, 24 de diciembre de 2013

Musical interactivo en inglés por Navidad en Pontevedra

A Fundación Novacaixagalicia celebra o Nadal en Pontevedra cun musical interactivo en inglés
 
Con actores nativos e escenas nas que o público participa
Entradas á venda na web de Servinova
 
A obra Beauty and the Best chega a Pontevedra para celebrar o Nadal dos máis pequenos, da man da Fundación Novacaixagalicia.
 
A compañía You Are The Story ofrecerá unha versión en inglés do afamado musical de Hollywood para gozar e aprender en familia o vindeiro sábado 28 de decembro ás 17.30 h no Centro Social da Fundación Novacaixagalicia en Pontevedra, rúa Augusto González Besada, 2.
 
As localidades para o espectáculo están á venda nas canles habituais de comercialización de entradas da fundación galega: a web de Servinova, www.servinova.com, e a billeteira telefónica 902 504 500, en horario de 8.00 a 22.00 h.
 
Beauty and the Best, recomendada para rapaces maiores de 10 anos e para ser vista en familia, conta a historia clásica do amor entre Bela e Besta desde o punto de vista deste último, quen logo de douscentos anos de ter recibido unha maldición atopa o amor en Bela. Neste musical os protagonistas incitarán ao público a que lles axude a romper esa maldición para poder, así, gozar do seu amor.
 
Unha historia clásica abordada desde unha perspectiva singular e interactiva na que os rapaces e as súas familias participan da obra encarnando ao resto dos personaxes. Os actores son nativos e a representación conta con contidos audiovisuais e música e libreto orixinais.
 
É, pois, unha proposta educativa e de lecer para toda a familia. A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións.
 
Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.