jueves, 19 de diciembre de 2013

Pontexogos xogos para nenos por Nadal en Pontevedra

Unha “fábrica de soños” operada por gnomos vén de chegar á Praza de España. “Pontexogos”, a iniciativa de conciliación familiar que a Concellería de Promoción Económica pon en marcha cada Nadal para facilitar as compras no comercio local, abre mañá as súas portas.

 A concelleira, Carlota Román, presentou esta proposta lúdica, pero de vocación comercial, que permanecerá aberta ata o 4 de xaneiro. Chega cunha gran carpa para acoller a “fábrica” e repite o tiovivo que xa forma parte da paisaxe urbana de Pontevedra durante o período de Nadal-Reis.
Román destacou que mantense o requisito da entrada simbólica, que consiste nun tique de compra no comercio local cun importe de tan só tres euros, co obxectivo de que “Pontexogos” sexa accesible, en condicións de igualdade, a todos os rapaces pontevedreses con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

 O recinto permanecerá aberto en xornada de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas e converterase, un ano máis, na referencia lúdica das Festas.

 Carlota Román lembrou que o ano pasado acadáronse case 20.000 visitantes e houbo xornadas nas que houbo unha asistencia de 1.800 persoas. A pesar da saturación que se ten producido en horas punta, a concelleira rexeita elevar o importe dos tiques de compra que dan acceso ao recinto, porque “Pontexogos” debe estar aberta a todos os pontevedreses.

 A “fábrica de soños” ofrecerá durante estas tres semanas un completo programa de actividades. Estará dividida por “estacións” nas que poderá participarse en cursos de cociña impartidos por un minichef experto en galletas, doces, masas, chocolate e mesmo comida para celíacos; haberá tamén obradoiros artísticos e musicais, inchables, futbolíns, concertos, representacións teatrais e de guiñol e, por suposto, inchables. No exterior, os usuarios poderán gozar, como nos últimos catro anos, do tiovivo.