sábado, 18 de enero de 2014

Pasión Vega e Dúo del Valle en Vigo

Pasión Vega e o Dúo del Valle achegarán a Vigo o singular espectáculo Dos Pianos con Pasión (Cartas desde Nueva York) que conxuga a voz cálida e chea de sentimento da solista co temperamental piano dos irmáns del Valle, artistas todos eles que gozan do recoñecemento da crítica e do público.

O concerto terá lugar o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, ás 21.30 h no Centro Cultural da fundación galega en Vigo, localizado na rúa Policarpo Sanz, 13.
As entradas para o espectáculo xa están á venda nas canles habituais de comercialización de localidades da fundación galega: a web de Servinova, www.servinova.com, e a billeteira telefónica 902 504 500, en horario de 8.00 a 22.00 h. O espectáculo ofrecerá ao espectador un paseo pola música clásica, o jazz, o fado, o tango ou a copla con letras de países de ambos os lados do Atlántico onde se mesturan Manuel de Falla, Agustín Lara, Ernesto Halffter, Federico García Lorca, Manuel Infante, Santos Discépolo ou Satie.
A busca constante de novos xeitos de entender a música é o nexo común que une a Pasión Vega e ao Dúo del Valle. Isto dá como resultado un espectáculo único que aposta pola fusión do estilo clásico e o popular, un repertorio que está dirixido por Vanessa Rodríguez e conta cos arranxos musicais de Alberto Martín Díaz.
En definitiva, o concerto é unha anovadora mestizaxe escénica e musical onde clasicismo e raíces populares se suman nunha evocadora viaxe que ha sorprender ao público. Pasión Vega é por todos coñecida. O seu inconfundible e elegante estilo á hora de interpretar un amplo abano musical levouna a actuar nos principais escenarios do noso país e de América Latina. Pola súa banda, o Dúo del Valle, unha das agrupacións de música de cámara máis relevantes do panorama actual, mostra a vixencia e o valor da música culta a través das súas interpretacións sinceras e cargadas de emoción. A enerxía dos irmáns conquistou xa os teatros e auditorios máis importantes de Europa e América Latina.