sábado, 15 de febrero de 2014

Concurso de Tapas en Teo 2014

A segunda edición do concurso de Tapas en Teo centrarase no entroido e deste xeito as catorce tapas participantes serán elaboradas con produtos típicos desta celebración lúdica. O concurso no que participan trece establecementos hostaleiros e a cantina do mercado do alimento labrego de Teo comeza o días 21 de febreiro e remata o 9 de marzo

O entroido dos xenerais da Ulla foi declarado en setembro pasado Festa de Interese Turístico de Galicia. Dende o Concello de Teo acordouse coa hostalaría local poñer en marcha esta nova edición do concurso das tapas como medida de promoción desta festa. Nestas datas celébrase o entroido en Reis, Cacheiras, Teo ou Bamonde e son días de moito movemento de xente.

Os locais participantes servirán a tapa en horario de mañá de 13:00 a 15:30 horas e pola noite entre as 19:30 e as 23:00 horas. En cada establecemento selarán o pasaporte que se pode completar con quince selos. As persoas que participen probando os diferentes petiscos tamén poden ir valorando cada un no local. Deses votos sairá a tapa máis popular entre os clientes.

Nesta segunda edición do concurso de tapas acordouse incrementar os premios ós que optan as persoas que fagan a ruta. As papeletas depositadas nas furnas dos locais coas valoracións das tapas participan nun sorteo de dúas ceas para dúas persoas en calquera dos restaurantes que participen no Tapeo 2014 e un terceiro premio sorpresa. Os pasaportes que teñan 11 selos polo menos participarán noutro sorteo dunha noite con cea e almorzo nunha casa de turismo rural do noso Concello. E finalmente os clientes que acaden os catorce selos optarán a un abono anual para o uso das instalacións da piscina municipal da Ramallosa. As persoas que completen o pasaporte participan nos dous sorteos. 

Os establecementos que participan no concurso de tapas do entroido son os seguintes: Taberna Riveiro, Taberna Mella, Café A Senra, Casa Pernas, Bariloche Café & Restaurante, Parrillada As Brasas, A Capilla, Chila Café, Restaurante San Martiño, Touché Café Lounge, Canaletto, Cervecería Manu, Cafetería Maradentro e a Cantina do Mercado do alimento labrego dos Tilos.

Este concurso está organizado polo Concello de Teo e os hostaleiros participantes e conta coa colaboración da Piscina Municipal Cuberta da Ramallosa.