sábado, 19 de abril de 2014

Ribadeo de Tapeo 2014

Concurso gastronómico "Ribadeo de tapeo" do 10 ao 18 de maio

Neste ano 2014 participarán medio cententar de bares, mesóns e restaurantes. 

O vindeiro luns, 21 de abril, estará en Ribadeo o coñecido chef laurentino Iago Castrillón. Esta edición inclúe coma novidades a tapa de Ribadeo e actividades nas Catedrais.

Xa se pechou o prazo de presentación de solicitudes e hai un total de 47 establecementos, algúns novos, outros repiten, hai diversidade de locais, tanto da vila coma, en menor medida, das parroquias".


Suárez Barcia subliñou que "será un evento que traia moita xente a Ribadeo e moitas vendas ao sector da hostalería participante. Cada ano temos innovacións, que o que perseguen é mellorar o obxectivo deste encontro e o que queremos, sen cuestionar a profesionalidade de ninguén, é levar adiante varias iniciativas. Para mellorar o consumo e o referente neste concurso gastronómico imos traer un cociñeiro revelación do Madrid Fusión. Trátase de Iago Castrillón, que o luns, 21 de abril, estará a disposición dos participantes no Ribadeo de tapeo para darlles as recomendacións aos que así o desexen para mellorar a calidade da súa tapa, para mellorar en definitiva a calidade do concurso, que é o obxectivo que se persegue, sen tachar o bo facer de todos eles, pero de boa fe poder darlles a opinión dunha persoa moi cualificada e recoñecida no ámbito estatal".

O alcalde ribadense aludiu ás novidades desta nova edición do Ribadeo de tapeo: "como novidades este ano incorporamos a tapa de Ribadeo, xunto cos outros premios xa habituais, que será aquela que se elabore exclusivamente con produtos da comarca. E tamén continuamos coa iniciativa de vincular o sector da hostalería co sector hoteleiro cos Soños gastronómicos e ao mesmo tempo queremos aunar a riqueza gastronómica que temos, e moi boa, coa riqueza natural, que tamén temos e moi boa, no sentido de desenvolver actividades inéditas nas Catedrais, como rutas xeolóxicas interpretadas no marco deste Ribadeo de tapeo ao que se sumará como este último ano unha aplicación para móbiles, tanto na plataforma Android como na plataforma IOS para que de maneira actualizada os que acudan a Ribadeo poidan saber que establecementos participan nesta cita, cal é a tapa, cal é o seu prezo, ademais de ver a foto, onde está emprazado o local… ter tantos reclamos que sexa imposible non vir a Ribadeo do 10 ao 18 de maio".