lunes, 5 de mayo de 2014

Festa da Troita Oroso 2014

Programa de actividades da XVIII Festa da Troita, que terá lugar do 9 ao 11 de maio

Entre as novidades deste ano figuran o traslado do xantar da Troita á Alameda de Góis, de xeito que os comensais xa non terán que desprazarse ata o polideportivo Juanito Amigo senón que disfrutarán do xantar na propia Alameda.



Mercado medieval

Ademais, outro dos cambios máis importantes terá lugar no mercado da artesanía e os oficios. O coordinador da Festa da Troita, Antonio Leira, explica que “os obradoiros e as exhibicións dos artesáns son un dos puntos fortes da Festa da Troita dos últimos anos pero agora queremos ir un paso máis aló e poder converter o centro de Sigüeiro nun auténtico mercado medieval”.

Así, durante os tres días da Festa da Troita canda os postos e as exhibicións dos artesáns, os visitantes tamén poderán disfrutar de espectáculos con lume, pasarrúas con zancos, espectáculos de maxia para os máis pequenos, espectáculo de pompas de xabón xigantes e pasarrúas con malabares dende as 11:00 da mañá ata as 21:00 horas. Ademais, o domingo 11 de maio haberá tamén unha sesión especial de contacontos, ás 19:30 horas.

Novidades

Así mesmo, o coordinador da Festa da Troita tamén destaca que a degustación de troitas que terá lugar o domingo 11 de maio será a máis participativa da súa historia, pois a día de hoxe conta coa participación de 38 bares e restaurantes, catro máis ca no 2013, que ofrecerán troitas con cada consumición. Antonio Leira destaca e agradece “a colaboración dos 34 establecementos de hostalería que participan na degustación de troitas e que fan un investimento importante para poder agasallar aos seus clientes”.

Outra das novidades desta edición será a celebración da I Quedada BTT da Troita: ruta “das Lobeiras”, organizada polo club ciclista Tambre Bike. Trátase dunha saída non competetitiva e en grupo por un percorrido de 41 kms de dificultade física nivel medio e técnica nivel medio-alto, que a fan non recomendable para menores de 16 anos. A saída terá lugar dende o pavillón polideportivo de Sigüeiro ás 09:30 horas do domingo 11 de maio. Máis información e inscricións en: http://www.reunalia.com/3284863.

Programa e aforros

Leira Piñeiro considera que “a pesar da crise económica, penso que contamos cun programa de festexos atractivo para atraer a un gran número de visitantes”. Neste sentido, o coordinador da Festa da Troita destaca que “debido á crise económica, traballamos cun orzamento moito máis reducido que noutras edicións pero, grazas ao traballo de todos, conseguimos que a calidade da festa non se vexa afectada e mesmo podemos propoñer cousas novas cada ano”.

Neste sentido, o alcalde orosán, Manuel Mirás, asegura que “cada euro que investimos na Festa da Troita retorna a Oroso multiplicado por dez. A Troita é a única Festa de Interese Turístico da contorna, polo que cada ano atrae a milleiros e milleiros de visitantes. Iso supón ingresos para os establecementos hostaleiros e comerciais do pobo e tamén dar a coñecer Oroso por toda Galicia”. Ademais, Mirás destaca que “neste Concello sabemos xestionar ben as cousas e aproveitamos moitas sinerxías, pois moitas das actuacións están protagonizadas por asociacións e entidades culturais deste municipio ás que estamos moi agradecidos pola súa colaboración: Lembranzas do Tambre, Buxos Verdes, Néboas no Cumio, o club ciclista Tambre-Bike, o club deportivo Alecrín...”

Así mesmo, a XVIII Festa da Troita manterá o Festival Oroso en Vivo, que traerá a Oroso ás mellores orquestras do momento: París de Noia e Costa Oeste (venres 9 de maio), Panorama e Metrópolis (sábado 10 de maio) e Galilea (que fará dobre quenda o domingo 12 de maio coa sesión vermú e a verbena da tarde). Tamén se mantén no programa unha das grandes sorpresas das dúas últimas edicións: a exhibición de hip hop e break-dance, que terá lugar o sábado 10 de maio ás 19:30 horas na praza de Isaac Díaz Pardo. Canda eles actuarán tamén Lembranzas do Tambre e Néboas no cumio.

En canto á parte deportiva da festa, o sábado terá lugar o tradicional concurso de pesca, que mantén os cambios realizados en 2012, polo que se disputará baixo a modalidade de pesca sen morte e de acordo coas normas da Federación Galega de Pesca. Por último, o Concello de Oroso non se esquece da poboación infantil que, ademais de poder tomar parte o domingo no Campionato de Pesca Infantil no río Carboeiro, tamén poderá participar nuns obradoiros deseñados especialmente para eles durante as xornadas do sábado e do domingo nos arredores da praza de Isaac Díaz Pardo, especialmente coa actuación “O autoestopista intergaláctico”, do Circo de Clown (sábado, ás 18:00 horas na praza Isaac Díaz Pardo).

Concello de Oroso