martes, 27 de mayo de 2014

Noite de Fiadeiro 2014 en Ramirás

Un ano máis chega a Noite de Fiadeiro, que este ano pasou para o mes de Maio. Neste 2014 cúmprese a VIII edición da festa, que nacía no 2007 coa intención de recuperar a esencia dos Antigos Fiadeiros da Comarca, aquelas reunións festivas de mozas e mozas que se xuntaban para bailar, tocar e cantar. A organización da mesma está ao cargo da Asociación Rebulir, Cultura Tradicional, co Patrocinio do Concello de Ramirás, Deputación de Ourense, Restaurante O Retiro e da La Caixa; así como a colaboración de diferentes entidades e empresas.
Deste xeito, o vindeiro Sábado 31 de Maio a cita está no pobo de Vilavidal no Concello de Ramirás. Durante toda a Xornada haberá actividades dirixidas a todos os públicos, para chegar as 21:00 h. co prato forte, o Fiadeiro propiamente dito, coa participación de preto de 30 colectivos chegados de diferentes puntos da xeografía galega que porán a música. Previamente, a oferta será variada con unha mostra de produtos artesáns con máis de 30 postos; animación, contacontos, xogos, teatro, obradoiros, exposicións, xigantes e cabezudos… Aínda que o programa en esencia é semellante ao de anos anteriores gardamos algunhas sorpresas que se irán descubrindo segundo evolucione a noite en Vilavidal. Para poder consultar toda a información relativa a esta celebración temos habilitada a páxina web www.noitedefiadeiro.com .
Queremos recordar unha vez máis que non se trata dun festival ou mostra de música tradicional ou folclórica, senón que é unha festa que implica ao visitante na súa dinámica. Deste xeito, procúrase que se poda bailar, tocar, cantar, ou simplemente disfrutar do ambiente da noite tal e como se facía antano.