sábado, 10 de mayo de 2014

Primavera en ruta en Carballo 2014

A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello de Carballo, organiza unha nova edición de "Primavera en ruta", unha iniciativa que cumpre xa cinco anos e que inclúe un total de oito percorridos de sendeirismo co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e o espírito de convivencia no marco da contorna natural. Está previsto que as rutas teñan lugar entre o 6 de abril e o 8 de xuño 


Os percorridos, que teñen saída sempre entre as 9.00 e as 9.30 horas dependendo de cada Concello, son os seguintes:


  • Ruta das Mámoas: 6 de abril. De 16 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Cabana, sendo a saída na Piolla e rematando nas Torres da Penela. Permite observar 14 mámoas e 1 petroglifo, ademais do grupo etnográfico do Río Abelán.
  • O son do Anllóns: 13 de abril. De 21 quilómetros de lonxitude, transcorre por Carballo e Coristanco, saíndo de Carballo e terminando en Corcoesto, atravesando lugares como Verdes, o Pazo do Souto, a Pontedona, a Casa da Torre ou Corcoesto.
  • A forza do río Chonia: 27 de abril. De 22 quilómetros, transcorre polo Concello de Trazo, saíndo de Castrillón e terminando en Portomeiro (Val do Dubra). Durante o percorrido visitarase o Pazo de Restende, así como a fermosa confluencia dos ríos Chonia e Tambre.
  • A Costa agreste de Cerqueda e Cambre: 4 de maio. De 17 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Malpica e é a única ruta costeira e circular, con saída e chegada en Cambre. Pasa a carón de Cerámicas El Progreso e visita os Muíños de Ardeleiro, moi próximos ao mar, ademais de ofrecer a oportunidade de ver a carballeira máis cercana ao mar de Europa.
  • Coristanco histórico: 11 de maio. Realízase por segundo ano, conta con 21 quilómetros de lonxitude e transcorre polo Concello de Coristanco seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns.
  • Terras Altas de Soneira: 25 de maio. De 19 quilómetros, transcorre polo Concello de Zas, saíndo de Pico de Meda -o monte máis alto da zona- e terminando en Follente. Pasa por lugares como a Férveda do Rabiñoso, pasando a carón de dúas mámoas dous castros e os restos dun castelo medieval. Conta con dúas variantes e é apta para cadeira de rodas.
  • Camiño de Caión: 1 de xuño. De 15 quilómetros de lonxitude, ten unha dificultade media e visitará a vila mariñeira do vecino Concello da Laracha.
  • Ríos de Sofán: 8 de xuño. Serve como peche do programa, con 21 quilómetros de lonxitude, ten unha dificultade media.