sábado, 10 de mayo de 2014

Slam música dos 60 - 70 en Coruña

A música dos sesenta e dos setenta encherá a Fundación Novacaixagalicia da Coruña
Slam ofrecerá o cuarto concerto da segunda edición do ciclo «Novas expresións»
As entradas están á venda en www.servinova.com ou ben no propio centro sociocultural
A banda de rock Slam ofrecerá o cuarto concerto do ciclo «Novas expresións» na súa segunda edición, un evento organizado pola Fundación Novacaixagalicia. Terá lugar o vindeiro xoves 15 de maio ás 20.00 h na sala -1 do Centro Sociocultural da entidade na Coruña. As entradas para o espectáculo están á venda en www.servinova.com ou ben no propio centro.
Slam, que se traduce do inglés como portada ou golpe que se dá cunha porta, é unha banda formada por músicos coruñeses que nace coa intención de recuperar o son da histórica e fugaz banda americana The Doors, que foi liderada por Jim Morrison e Ray Manzarek. O grupo, así mesmo, explora os límites musicais da banda á que lle renden tributo, polo que fan música rock e poñen, á vez, un pé no jazz. Slam non pretende facer unha imitación dos americanos, senón que quere recuperar aquelas gravacións de fins dos sesenta e comezos dos setenta para que o público poida revivir as sensacións que os concertos daquelas décadas producían.