miércoles, 4 de junio de 2014

Festival SonRías Baixas Bueu 2014

Festival SonRías Baixas Bueu 2014 : fechas, entradas, programación de conciertos
SKA-P, La Raíz e Aphonic actuarán no XIII SonRías Baixas, os días 19 e 20 de setembro en Bueu

A Asociación Troula na Banda pon en marcha unha nova edición do Festival, que cada ano conquista a miles de persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado
As entradas xa están á venda na web sonriasbaixas.info: as 400 persoas máis rápidas poderán comprar o abono para os dous días por 18,50 euros máis gastos. O prezo na billeteira será de 29 euros
O Festival SonRías Baixas encherá un ano máis o Multiusos da Estacada, en Bueu, de música e de festivaleiros con ganas de troula. A cita é a fin de semana do 19 e 20 de setembro e xa está confirmada a presenza de tres bandas de referencia a nivel estatal: os madrileños SKA-P traerán toda a enerxía combativa dos barrios obreiros nun dos poucos concertos que ofrecerán na península antes de retirarse por unha tempada; os valencianos La Raíz conquistarán ao público coa forza, rabia, desenfreno, festa e protesta dun directo que está arransando nos festivais máis importantes do Estado; e os vigueses Aphonnic defenderán a enorme calidade do seu rock atemporal e potente. Despois destas primeiras confirmacións, a organización promete máis sorpresas para as próximas semanas e pon xa á venda na súa web as primeiras 400 entradas a un prezo reducido de 18,50 euros máis gastos o abono dos dous días. O prezo na billeteira será de 29 euros e o acceso á zona de acampada custará cinco euros.
Catro anos despois do seu último concerto en Galicia, SKA-P elixe o SonRías Baixas para despedirse do público do Noroeste peninsular. A banda de Vallecas necesita descansar despois de dous anos nos que deron a volta ao mundo co seu último traballo, 99%, que lles valeu unha nominación aos Grammy Latinos. Nominación que rexeitaron, porque "é mellor que lla dean a Barak Obama e a arquive ao lado do Nobel da Paz". Agora os SKA-P anuncian que darán un par de concertos e se retirarán por unha boa temporada e un deses selectos concertos será en Bueu, no SonRías Baixas. Unha oportunidade única para despedirse dunha banda mítica, que leva vinte anos arrasando nos escenarios de Europa e Latinoamérica cunha enerxía radical sobre o escenario e unhas letras rotundas de denuncia do capitalismo, o fascismo, o racismo e o imperialismo.

Cun directo único, vibrante e arrollador, que transcende estilos e etiquetas, La Raíz é un dos grupos revelación da escena musical estatal. Destacada por crítica e público nas dúas últimas edicións do ViñaRock, esta big band valenciana composta por catro cantantes, dúas guitarras e dous ventos, un baixo, unha batería e un dj arrasa sobre o escenario coa súa particular mestura de reagge, ska, hip hop e rock. Virán ao SonRías Baixas co seu último traballo, Así en el cielo como en la selva, cheo de ritmos bailables e de letras comprometidas.
A banda con máis progresión de Galicia nos últimos anos chega ao SonRías Baixas para presentar o seu cuarto traballo, Héroes, co que conquistaron a crítica de todo o Estado. Aphonic defende o seu rock atemporal cun dos directos máis potentes e mellor executados que se viron por estas terras en anos. Riffs cortantes que non deixan lugar á improvisación, unha batería contundente, un baixo imprescindible e unha voz que enche de forza e de rabia temas chamados a converterse en clásicos. Dos ritmos melódicos á tralla, dos temas pegadizos ao metal, combinando as voces limpas coa agresividade instrumental e no acompañamento electrónico, os vigueses destinal agresividade e melodía ao servizo dun sentimento capaz de deixar pegada no público.
Un esforzo conxunto para superar o complicado contexto
O XIII Festival SonRías Baixas é posible grazas ao tesón da Asociación Troula na Banda, ao apoio do Concello de Bueu -que máis alá da achega económica, colabora con diversos servizos e facilita as xestións- e á implicación no proxecto das empresas que traballan co festival. Especialmente importante é a alianza establecida entre o SonRías e a promotora musical Sonde3, sen a que non sería posible levar a cabo un festival destas características nun contexto como o actual. Dende Troula na Banda saliéntase tamén o papel determinante do público, que terá que refrendar un ano máis a “Experiencia SonRías” coa súa fidelidade.
A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. A pasada edición do Festival conquistou o en agosto de 2013 a 12.000 personas con tres días de música, praia e gastronomía, o que supuxo para Bueu unha inxección económica de 830.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hostaleira en toda a comarca. A maioría dos proveedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan cada día no evento, a maior parte, xente da vila.