sábado, 28 de junio de 2014

Os Bolechas en Muxía

O espectáculo “Os bolechas e o Sabichón”, chega a Muxía maña domingo, ás 18:30 no Salón do Voluntariado.


 O programa de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta a actividade Os Bolechas e o Sabichón. Trátase dun espectáculo protagonizado polos famosos personaxes creados por Pepe Carreiro, que farán as delicias dos cativos e cativas de 4 a 8 anos e das súas familias.

A maiores de promover o uso da lingua de Galicia, como busca o programa de dinamización con propostas de lecer de calidade no noso idioma, Os Bolechas e o Sabichón tamén ten a súa parte didáctica, xa que a actividade simula un concurso no que tanto os irmáns Bolechas coma os nenos e nenas asistentes deberán demostraren os seus coñecementos e habilidades lingüísticas.
 Os bonecos preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista, modalidade novidosa en Galicia. A actividade potencia a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas, un referente positivo asociado ao galego, pois Os Bolechas falan sempre a nosa lingua: nos libros, nos programas de televisión e nos espectáculos coma este. 
 Como sempre en FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.