martes, 24 de junio de 2014

Pinchos irmandiños Vimianzo 2014

Pinchos y tapas en Vimianzo 2014
Dezasete locais de Vimianzo participan na sétima edición dos Pinchos Irmandiños, que se repartirán desde o martes 1 até o sábado 5 de xullo, desde as 12h ás 15h e pola tarde das 19h ás 23h (como mínimo). Este ano aumenta a calidade culinaria, xa que os hostaleiros participaron previamente nunhas sesións formativas co mestre Miguel Silvarredonda, nas que se lles deron ideas para a presentación dos pratos e sobre todo, propostas para crear petiscos diferentes cos ingredientes medievais (recordar que queda prohibido todo alimento que non fora descuberto aínda no país no século XV).
Os puntos de servizo de petiscos distribúense por toda a vila. Son Restaurante Vázquez, Restaurante Pastoriza, Parrillada Montevideo, Cervexería Risco, Bodegón A Lareira, Bodegón O Petouco, Bar O Agocho, Bar Marquiñas, Celme Café, Café-Bar A Rúa, Pizzería Hilton, Cervexería Quilmes, Café-Bar Bibendum, Bar Grupo Xoven, Casa Sabina, Restaurante Vía Rápida, Restaurante O Castillo, e o propio stand da organización na praza do Concello.
A orixinalidade segue radicando ademais no nome dos pinchos, con algúns tan suxestivos como Tetiñas do Conde Don Froilán, Polbo Salvaxe sobre Gambas en Pedra Cuberta, Tirón de orellas á Isabel a Católica ou Secreto da Virxe de Guadalupe. Podes ver todos os pinchos na sección de Tapas. Tamén podes ver un inxenioso vídeo de Julito coa presentación de todos os manxares.
Unha nova aplicación
Como gran novidade, este ano poderase descargar unha aplicación para poder seguir a rota dos Pinchos Irmandiños sen ter que selar físicamente un cartón. A app presentarase oficialmente o sábado 28 de xuño ás 12.30h por parte do Concello de Vimianzo.
Haberá agasallos irmandiños, até fin de existencias, para os que completen algunha destas rotas selando no cartón (a pedir nos locais) ou na App (Pinchos Irmandiños Vimianzo): Ruta Mínima (8 selos) e Ruta Total (os 17 selos). O cartón terase que entregar no recinto do Asalto cos datos de contacto cubertos e indicando o que, na súa opinión, é o mellor pincho e o local mellor decorado. A través da App terase que finalizar o proceso de participación e, no caso de ter 8 ou máis selos, presentarse co móbil no recinto do Asalto para recoller o agasallo. Ademais, entre os que completen calquera das rutas sortearase un lote de produtos Mahou en función do peso do gañador.
Feira Artesanal e Concurso de Fachadas

A organización do Asalto ao Castelo pide a colaboración das persoas que poidan participar nesta festa de todos. Dúas das mellores formas son tendo un posto na IV Feira Artesanal, e decorando as fachadas das casas e edificios de Vimianzo e participando no II Concurso de Fachadas. O prazo para apuntarse nestas dúas actividades está aberto até o 2 de xullo.