miércoles, 23 de julio de 2014

SonRías Baixas 2014 en Udra Bueu

O Festival SonRías Baixas múdase a Udra (Bueu) na súa XIII edición, que terá lugar o 19 e 20 de setembro


A Asociación Troula na Banda traslada o Festival a un “espazo natural urbano”, afondando na particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado coa que cada ano conquista a miles de persoas

Cabo Udra é un extraordinario espazo natural incluído na Rede Natura 2000 e catalogado como Zona de Especial Conservación (ZEC). O evento celebrarase dentro da área de uso xeral e extremando o coidado e a difusión dos valores medioambientais

As entradas xa están á venda na web sonriasbaixas.info por 21,50 euros máis gastos os dous días de concertos. O prezo na billeteira será de 29 euros

O Festival SonRías Baixas trasládase na súa XIII edición do Multiusos da Estacada ao Cabo Udra, tamén en Bueu. Será nese extraordinario espazo natural, incluído na Rede Natura 2000 e catalogado como lugar de importancia comunitaria pola UE, onde se dean cita a mellor música do momento e os miles de festivaleiros con ganas de troula que cada ano acuden ao festival. A Asociación Troula na Banda, organizadora do evento, salienta o carácter de “espazo natural urbano” que ten o novo recinto, o que permitirá que o Festival afonde na particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado que lle é característica sen renunciar á comodidade e accesibilidade. Será un paso máis no concepto de Experiencia SonRías acuñado polo Festival arredor da música, a praia, o lecer e a gastronomía. Haberá buses dende a vila e as áreas de aparcamento ata o Festival e, nun radio dun kilómetro, o público asistente terá acceso ao festival, á zona de acampada, a servizos urbanos como supermercados, farmacias, tendas e bares e a un contorno natural inesquecible. 

A cita é a fin de semana do 19 e 20 de setembro e xa está confirmada a presenza de tres bandas de referencia a nivel estatal: os madrileños SKA-P traerán toda a enerxía combativa dos barrios obreiros nun dos poucos concertos que ofrecerán na península antes de retirarse por unha tempada; os valencianos La Raíz conquistarán ao público coa forza, rabia, desenfreno, festa e protesta dun directo que está arransando nos festivais máis importantes do Estado; e os vigueses Aphonnic defenderán a enorme calidade do seu rock atemporal e potente. A organización recorda que as entradas están á venda na web por 21,50 euros máis gastos o abono dos dous días e anuncia que pechará o cartel nas próximas horas. Na billeteira, o prezo será de 29 euros e o acceso á zona de acampada custará cinco euros.

Un paraíso natural
A rica flora e fauna de Udra converte o cabo nun espazo singular dun excepcional valor ecolóxico e paisaxístico, un paraíso de praias salvaxes gobernado polas aves, os arroaces, as toniñas e o peculiar lagarto arnau, a especiel animal máis representativa de Udra. Pero Cabo Udra non constitúe só un espazo de gran valor ecolóxico, senón que neste contorno mergúllanse tamén auténticas xoias do noso patrimonio etnográfico vinculadas á gandería e á pesca máis artesanal. Formas de vida ancestrais arrodeadas dunha riqueza botánica e faunística única que mereceron a inclusión deste espazo na Rede Natura 2000, ademais da súa catalogación como Zona de Especial Conservación (ZEC).

O envento celebrarase dentro da área clasificada como de uso xeral e extremando o coidado e a difusión dos valores medioambientais. Para coidar e difundir da mellor maneira posible a enorme riqueza medioambiental do espazo, a organización do Festival SonRías Baixas contará coa asesoría da Asociación Ecologista Anduxía, cuxo representante Suso Framil recoñece que “non nos pareceu o sitio ideal, pero confiamos na sensibilidade ambiental da organización”.

Un esforzo conxunto para superar o complicado contexto
O XIII Festival SonRías Baixas é posible grazas ao tesón da Asociación Troula na Banda, ao apoio do Concello de Bueu -que máis alá da achega económica, colabora con diversos servizos e facilita as xestións- e á implicación no proxecto das empresas que traballan co festival. Especialmente importante é a alianza establecida entre o SonRías e a promotora musical Sonde3, sen a que non sería posible levar a cabo un festival destas características nun contexto como o actual. Dende Troula na Banda saliéntase tamén o papel determinante do público, que terá que refrendar un ano máis a “Experiencia SonRías” coa súa fidelidade. 

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. A pasada edición do Festival conquistou o en agosto de 2013 a 12.000 personas con tres días de música, praia e gastronomía, o que supuxo para Bueu unha inxección económica de 830.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hostaleira en toda a comarca. A maioría dos proveedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan cada día no evento, a maior parte, xente da vila.