jueves, 21 de agosto de 2014

Rallye Ferrol 2014

45º edición do Rallye Ferrol
Un evento organizado pola Escudería Ferrol e patrocinado polo Concello de Ferrol e a Deputación Provincial da Coruña, entre outras institucións e patrocinadores privados.
O evento automobilístico, que se celebrará os días 22 e 23 de agosto, será unha vez máis puntuable para o Campionato de España así como para a Copa Suzuki Swift, a Mitsubishi Evo Cup e a Challenge Renault. Jose Manuel Rey Varela destacou a gran repercusión que supón este evento deportivo para a Marca Ferrol como destino turístico, ao tempo que sinalou que a proba coincidirá coas Festas de Verán da cidade. Así, o rexedor municipal salientou que durante o presente mes de agosto e a primeira quincena do vindeiro mes de setembro “a nosa cidade estará moi activa en deporte e turismo”. Neste senso, lembrou que Ferrol será unha das cidades polas que pasará a Volta Ciclista a España. Ademais, o primeiro edil da cidade quixo agradecer o traballo dos voluntarios e a organización “que son os verdadeiros protagonistas de poder celebrar esta nova edición do campionato automobilístico”. A Administración ferrolá achega 20.000 euros para a organización desta 45 edición do Rallye Ferrol que este ano como novidade conta co recoñecemento internacional.
Preto de 60 pilotos participarán neste 45 Rallye Ferrol que contará cun percorrido total de 528 quilómetros distribuídos en dúas etapas e cinco treitos cronometrados que suman un total de 185 quilómetros, e descorrerá por varios concellos da comarca. Así e como novidade deste ano, ás 17:30 horas do día 22 producirase dende a Avenida de Esteiro a saída da primeira etapa con dous tramos a cubrir: Monfero-Monfero (como novidade deste ano) e Irixoa-Monfero-Vilarmaior. A segunda etapa arrancará o sábado día 23 de agosto ás 09:00 horas dende FIMO e incluirá tres tramos: San Sadurniño-As Somozas; As Somozas-As Pontes-Ortigueira; e Ferrol-Ferrol. O Rally rematará novamente na avenida de Esteiro, onde ás 18:30 horas terá lugar o acto de entrega de trofeos. Como na pasada edición, tamén se realizará o tramo técnico “shakedown” que terá lugar o venres día 23 pola zona de Mandía a partir das 08:30 horas e prolongándose ata as 10:30 horas.