miércoles, 13 de agosto de 2014

Riós Festival das Artes Escénicas 2014

Riós volverá ser a capital das artes escénicas o mércores 13 e xoves 14 de agosto

Carlos Sobera atrapa un castiñeiro no Festival das Artes Escénicas de Riós

  • O presentador recibe unha homenaxe na Ruta do Talento do Festival nomeando un castiñeiro milenario en Riós xunto con Carmen Avendaño, directora da Fundación Érguete.
  • Ademáis, o actor Antón Durán “Morris” recibe a Castaña de Cristal pola súa dilatada e experimentada carreira artística.
  • O cartel deste ano presenta o humor de Carlos Blanco, Pedro Brandariz & Fran Rei, coa música de Óscar Ibáñez, Colectivo Rebulir de Ramirás, Lucía Pérez e Lys Pardo, que interpretará cancións do seu álbum: “De familia”, cun tributo ao seu pai, Juan Pardo.


 Xa temos nova data para a sétima edición do Festival das Artes Escénicas de Riós: mércores 13 e xoves 14 de agosto na Praza do Concello de Riós. Tras varias edicións, esta pequena vila de apenas douscentos habitantes, continúa recibindo a grandes artistas do mundo da música, o cine e a televisión para presentar unha programación multidisciplinar con actividades para todos os públicos. Nesta edición, o Festival celébrase no núcleo do municipio e a entrada é totalmente gratuita.

A xornada inaugural coa presenza de D. Francisco Armando Veiga, alcalde de Riós e o director do Festival, Rubén Riós, terá lugar ás 19.00h no Salón de actos da Casa da Cultura, onde se realizará a lectura de programa xunto coa presentación da curtametraxe 3-1= 0, gañadora da última edición do Festival de Cans, festival irmán do evento ourensán.
A partir das 22.00h celébrase a Gala do Audiovisual, coa presentación en premiere da segunda temporada da webserie Clases de lo social e coa estrea do trailer do novo programa da Televisión de Galicia, No mellor da vida. Un ano máis, o certame presenta unha nova edición da sección de cinema de integración social Todos podemos facer cine, dirixida pola actriz e pedagoga Estíbaliz Veiga. A velada nocturna será amenizada por unha verbena tradicional a cargo do Colectivo Rebulir de Ramirás e a Coral Cantarela para rematar cunha sesión a cargo de Dj Guti.

O xoves 14 de agosto estará cargado de emoción e homenaxe. A Ruta do Talento comezará ás 13.00h, trazando un percorrido ao longo de castiñeiros milenarios bautizados co nome de Carlos Sobera, presentador de TV, quen atrapa un castiñeiro nesta Ruta do Talento en honra ao seu amigo e compañeiro Abelardo Gabriel, actor galego que faleceu hai catro anos tras unha longa enfermidade. O segundo castiñeiro recibirá o nome de Carmen Avendaño, outra homenaxeada polo seu labor social a través da Fundación Érguete, na loita contra a drogadicción. A Ruta do Talento será conducida polo antropólogo Manuel Mandianes e contará coa actuación da eurovisiva Lucía Pérez que interpretará cancións do seu novo disco “Quitapenas”.



Á noite, celebrarase a VII Gala das Artes Escénicas que será conducida polos humoristas Pedro Brandariz e Fran Rei que presentarán o seu número “Dous paiasos en apuros”. O humor continuará da man de Carlos Blanco que realizará un monólogo que será o preludio para a música con Óscar Ibáñez que arriva co seu novo traballo “Alén do mar” e Lys Pardo, que interpretará temas do seu último disco “De familia” no que ofrece un tributo especial ao seu pai, Juan Pardo. O cinema estará presente tamén coa presentación do trailer do filme “A esmorga” de Ignacio Vilar e a entrega da Castaña de Cristal a Antón Durán Morris, galardón que anteriormente recibiron outros referentes da cultura galega como Abelardo Gabriel, María do Ceo, Luis Iglesia e Rosa Cedrón.