viernes, 26 de septiembre de 2014

Andaina en Amoeiro

Ás 10 da maña do vindeiro domingo 5 de outubro, darase saída no Parque dos Sentidos (Souto, Amoeiro) a unha andaina que subliñará as características distintivas das celebradas no noso  concello durante os últimos anos: a cultura e os aspectos lúdicos, pasando os aspectos competitivos a un segundo plano.

Trátase, polo tanto, dunha camiñada que porá en valor anacos dunha terra rica en canto a historia e patrimonio artístico e natural, reflectindo un carácter cultural que a distingue de calquera outra coñecida.

Que Amoeiro sexa o concello con máis construcións pacegas da provincia é só unha das características deste agradable paseo (entre estes inclúense os pazos de Coto Martín, San Damián, Miranda, Campo, Santa Catalina, Poutás, Martinga, ou Trangiolas, sen incluír casas grandes como a de Otero Pedrayo, por exemplo), que noutras edicións levou a rotular andainas semellantes co nome de Pazos de Amoeiro.

De feito, o legado de arqueoastronomía amoeirense é único en Galicia, e da cabida á Pedra da Ferradura, ó Abrigo do Raposo e ó Abrigo da Zarra, todos eles puntos que marcan os solsticios dende a idade de ferro. Numerosos petroglifos en diversos lugares de Trasalba son, así mesmo, testemuña da época dourada castrexa singularmente encumiada pola magnífica lousa do Formigueiro.

As igrexas e capelas –na súa maioría románicas e orixinarias do século XII- completan o arco da vella da historia dun municipio que atesoura un patrimonio valioso nun entorno de alto valor paisaxístico e medioambiental, do que serán testemuña os participantes cando transiten, por exemplo, pola ruta fluvial do Formigueiro.

O perfil predominantemente chan da andaina é o ingrediente que axudará a gozar con máis plenitude da beleza desta viaxe. A tal deleite contribuirán, así mesmo, as cualificadas explicacións de persoas expertas no eido da arte e a historia que se situarán en localizacións como O Formigueiro, a Ferradura, a Fundación Ramón Otero Pedrayo e a Igrexa de San Martiño.

Completando o aspecto lúdico, e engadindo unha nota distintiva adicional ó percorrido, aderezarase a camiñada cos sons de varios grupos musicais situados en espazos como a antedita Fundación o pazo de San Damián, uníndose coralmente todas eles no remate da xornada no Parque dos Sentidos. Precisamente, neste punto de inicio e fin os e as camiñantes coronarán o seu esforzo cun xantar que inclúe cervexa fresca, refrixerios e auga xunto a empanadas, bocadillos e outros productos de Amoeiro.

En suma, unha camiñada deseñada para coñecer, compartir conversa e disfrutar, e cuxo detalle amosamos de seguido. As persoas interesadas en participar deben inscribirse no Concello de Amoeiro (Tlf. 988 28 10 00 ou E-mail: alcaldia@amoeiro.es, indicando o seu nome e apelidos e DNI) ou nas tendas nas que figura o cartel da camiñada na cidade de Ourense.

Información completa ruta y programa en Andaina Amoeiro