domingo, 5 de octubre de 2014

Concurso tapas Saborea As Pontes 2014

Unha trintena de cafeterías, mesóns, bares e restaurantes participarán na sexta edición do certame de tapas Saborea As Pontes que se desenvolverá na nosa vila entre os días 10 e 19 de outubro.
Serán dez días nos que poderemos cambiar as habituais propostas gastronómicas dos nosos bares e mesóns por tapas máis enxeñosas, elaboradas e sorprendentes nas que as típicas patacas ali oli, a tortilla ou o raxo deixan paso a outro tipo de ingredientes máis novidosos, a combinacións de terra e mar do máis atractivas e a prebes e condimentos propios dos grandes restaurantes con Estrela Michelín.
Un ano máis, o departamento municipal de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio que dirixe Montserrat García, xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica, volve facer da gastronomía local e dos grandes cociñeiros que temos aquí nas Pontes todo un argumento de peso para que os veciños e veciñas saíamos á rúa desfrutar deste certame gastronómico e da gran imaxinación, entre fogóns, daqueles e daquelas que a diario nos serven un café ou un pincho. E é que Saborea As Pontes é xa todo un referente do outono pontés e non só os propios veciños agardabamos a súa chegada, senón tamén aqueles que se achegan á nosa vila para desfrutar da creatividade gastronómica que se oferta ao abeiro dos diferentes bares e restaurantes que enchen as nosas rúas. De feito, este certame está máis que asentado, e é que, un ano máis se superasen as cifras de participación con case unha decea máis que na pasada edición, e esta boa acollida merece tamén unha inauguración á altura. De ahí que para este ano, se conte na nosa vila coa presenza do prestixioso chef e Estrela Michelín Yayo Daporta, actual xurado do certame de televisión Top Chef, xunto con Alberto Chicote e Susi Díaz.
Daporta será o encargado, o vindeiro 10 de outubro, de dar o pistoletazo de saída a esta competición gastronómica nunha presentación na que tamén o cociñeiro cambadés exercerá de xurado e xulgará as 29 propostas dos participantes e dará conta da súa favorita que, xa na gala de clausura o 24 de outubro, recibirá un premio especial. Para este ano novamente os veciños teremos voz e voto, ao igual que o xurado que tamén outorgará o seu premio á mellor tapa pontesa e seguindo as mesmas canles de participación que en anos anteriores, é dicir, o público mediante os seus boletos correctamente cubertos e o xurado probando todas as tapas e chegando a un acordo común. Con respecto ao resto de bases, éstas son moi semellantes ás de edición anteriores, así, as tapas serviranse entre os días 10 e 19 de outubro, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.30 a 22.30 horas, agás na xornada de inauguración que tan só haberá tapas en horario de tarde. Cada pincho participante terá un custo de 1 euro e por cada un que se probe o consumidor recibirá un selo.
Con oito selos diferentes o cliente participará no sorteo final dun televisor, sorteo que terá lugar na casa do concello o 21 de outubro ás 12.00 horas, e tras comprobar que as papeletas recollidas en todos os establecementos participantes están correctamente cubertas. Xa para o día 24 de outubro, ás 19.00 horas, poderemos asistir na Casa do Concello á entrega de premios oficial que estará presidida pola edil Montserrat García e na que se fará entrega das tres distincións ás tres tapas mellor valoradas por público, xurado e polo propio Yayo Daporta e tamén do televisor ao afortunado ou afortunada do sorteo popular. Por diante quédannos polo tanto uns días para desfrutar da gastronomía local, e para non perdernos nada, en breve, estará a desposición da veciñanza unha nova edición da publicación que editará o concello cos datos de cada local participante, a súa respectiva tapa con fotografía incluida e un rueiro no que poderemos atopar a ubicación exacta de cada establecemento