martes, 7 de octubre de 2014

Festival Teatro Carballo 2014

Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que terá lugar do 3 de outubro ao 2 de novembro de 2014.
Tras dezaseis anos de percorrido, a Rúa dos Contos, o programa máis noctámbulo e irreverente do FIOT volve encher as noites das dúas primeiras fins de semana de outubro con 14 espectáculos de clown, maxia e xogos teatrais. O programa foi presentado onte polos integrantes das dúas compañías que estrean os seus espectáculos: Pedro Brandariz e Fran Rei, de Os Sete Magníficos máis Un, e Antón Coucheiro. Acompañáronos na rolda de prensa, Alberto Sueiro, director do Festival Internacional Outono de Teatro; Mar Eirís, concelleira de Cultura, e Javier Varela, organizador da Rúa dos Contos xunto con Antón Guitoi, que se atopaba entre o público.

A Rúa dos Contos é un proposta insólita en Galicia realizada coa complicidade de once locais de hostalería de Carballo que se transformarán en escenarios, e, sobre todo, apoiada por un público que permanece fiel a esta cita imprescindible no outono. Os locais nos que discurrirá son os bares A Barra e O Pescador, cervexarías Dublín e A Bombonera, pub A Reserva, mesón A Cabaña, cafeterías Valle Inclán e Colón e taberna O Patacón, ademais do Mercado Municipal.
PRIMEIRA NOITE
Así, a primeira noite da Rúa dos Contos comezará no Mesón A Cabaña (21.00h, entrada libre) co espectáculo da compañía de improvisación teatral Themomento Impro, “Improvisación”.
A continuación, Os Sete Magníficos máis Un (22.30h, entrada 3€) estrean no FIOT a súa décimo terceira produción. É o último espectáculo dos aloucados O Gordo e o Calvo, unhas personaxes que ganaron gran popularidade nas súas intervencións televisivas. Pedro Brandariz e Fran Rei ofrecerán “retranca, sorna e humor popular” a través de tres situacións moi dispares: a visita ao INEM, a un quiosco de prensa e na aproximación á nova cociña. “Ante todo, no público buscamos provocar risas como galegos”, sinalou Brandariz ao tempo que valorou a proximidade dos espectadores neste formato e aproveitou para dicir que “Bivalvos como galegos” non está patrocinado por ningunha cadea de alimentación a pesar de que o nome sexa similar ao da súa campaña publicitaria. Ambos cómicos mostráronse moi contentos de estrear en Carballo e pediron a axuda do público para “superar os nervios”.
Á medianoite, no 2º andar do Mercado Municipal (4€, anticipada en servinova.com), o cómico carballés Rober Bodegas seducirá ao público cunha magnífica antoloxía dos seus mellores monólogos sen filtro porque, simplemente, non para a pensar. Fracasos sentimentais, as liposuccións, o clima social crispado, o seu odio aos veganos, e, en xeral, calquera cousa da que non lle deixen escribir na tele, será motivo de risa e de moita retranca que fará que os presentes se divirtan e poidan disfrutar da actuación nun marco inmellorable.
MERCADO MUNICIPAL: NOVO ESPAZO ESCÉNICO
Por primeira vez o ano pasado, o Mercado Municipal estreouse como escenario do FIOT co espectáculo de cabaré do Grupo Chévere “A ultranoite” e nesta edición, convértese de novo nun espazo escénico para as dúas estreas e a preestrea da Rúa dos contos, así como para a función de sala dos cataláns Obskené “Fuenteovejuna, breve tratado sobre las ovejas domésticas” o sábado 18. Precisamente, Antón Coucheiro, loou o excelente traballo da organización por converter a praza de abastos nun escenario de teatro. Alí, o sábado 11, ofrecerá “Psicópata”, “unha pequena superprodución de peto porque ten de todo, efectos especiais, música e improvisación para, literalmente, morrer de risa”, describiu.
Pola súa parte, Alberto Sueiro recordou que os tres actores que estiveron na rolda de prensa xa pasaron polo FIOT en algún dos seus formatos polo que xa teñen unha estreita relación co Festival. Na súa intervención, Mar Eirís quixo destacar o traballo dos actores e actrices porque “sacar un sorriso por parte do público é o máis complicado”.
HABITUAIS DA TV E DO FIOT
Esthephanie Llaryora abrirá (21.00h, entrada 3€) a noite do sábado 4 na cafetaría Valle Inclán co espectáculo “Nueba Llorq, sin sexo”. Stephy falaranos desde os seus trinta anos. Solteira, sen fillos e sen miras, en contraste coas súas amigas nais ou casadas e fronte á demanda de “ir sentando a cabeza” que corresponde a unha muller da súa idade. A monologuista do País Vasco, coñecida polas súas actuacións na Paramount Comedy, ofrécenos a súa visión dunha situación social moi común hoxe en día para o sexo feminino.
Nesta noite, na Rúa dos Contos tamén está presente unha das manifestacións de narración oral máis propia da nosa cultura tradicional e popular, de longa tradición en Bergantiños, a regueifa. O duelo dialéctico e humorístico virá da man de dous recoñecidos regueifeiros de Pontevedra e membros da Asociación Oral de Galicia, Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira, que farán unha exhibición deste desafío oral improvisado en verso. Será a partir das 22.30h, con entrada libre no bodegón O’Pescador.
Á medianoite volverá a Carballo e á Rúa dos Contos Cándido Pazó (cafetaría Colón, entrada libre), un dos referentes da narración oral de Galicia. Diversión, evocación, imaxinación, emoción, reflexión… E outras moitas cousas que terminan en “on” no máis vello e máis novo dos espectáculos, o de contar, porque por vellas que sexan as historias, a forma de contalas e, sobre todo, de escoitalas, sempre será nova.
COMEDIA MUSICAL
A programación do domingo 5 continua na mesma liña que nas dúas noites anteriores: intensa e para todos os públicos. Na Barra Bar, o dúo Bacana (21.00h, entrada 3€) arrincaralle as alas ao morcego para ficar co fundamental, a rata. Xulio Abonjo e Marcos Orsi farannos rir a gargalladas coa segunda parte de “Ratman e Bobyn”. Dous superheroes de cloaca que nos entreterán nesta comedia musical chea de ironía e retranca.
Outro superheroe, en concreto unha “superheroína rural galega”, cerrará a primeira fin de semana da XVI Rúa dos Contos. A partir das 22.30h (Bulevar Musicafé, entrada libre) Isabel Risco mudará a súa roupa polo traxe de Nabiza Girl para partirnos de risa con “As aventuras de Nabiza Girl e da súa sobriña”. Para chamala só hai que aturuxar e aparece Chelo García Naveira que colle os seus poderes do sultato. É unha supermuller con denominación de orixe protexida. Detrás desta personaxe está a intensa actriz coruñesa Isabel Risco, un dos rostros femininos máis coñecidos da Televisión Galega.
ENTRADAS PARA A RÚA DOS CONTOS
Os tickets da Rúa dos Contos poden adquirirse tanto os días de función como antes nos locais participantes, excepto para os espectáculos de “Antoloxía sen filtro” de Rober Bodegas, “Psicópata” de Antón Coucheiro e “Os contos de Joselín da Central Folque” (6€) que se fará vía telemática (www.servinova.com / 902 504 500) e na billeteira do Mercado Municipal os días de función.