jueves, 23 de abril de 2015

Exposición Mans Salgadas fotografías de Javier Teniente en Lugo

Javier Teniente presenta en Afundación «Mans salgadas», unha homenaxe a todas as persoas que traballan no mar 

A exposición mostra 60 fotografías nas que se reflicte a extrema dureza das tarefas que desenvolven os seus protagonistas
A área educativa de Afundación programou visitas e obradoiros para escolares desde infantil ata bacharelato e ciclos formativos

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) inauguroú , na súa sede de Lugo a exposición «Mans salgadas», que permanecerá aberta ata o 4 de xullo e poderá ser visitada en horario de luns a sábado de 18.00 a 21.00 h. Esta mostra, integrada por 60 fotografías, ofrece unha completa panorámica do ciclo da pesca en Galicia, da estrutura do traballo do mar desde a construción dun barco no estaleiro ata a chegada do peixe á lonxa, sempre desde a perspectiva dos profesionais que traballan nos distintos procesos. A mostra péchase con cinco imaxes dedicadas ao Prestige, centradas nos mariñeiros e os voluntarios que recuperaron a costa tras a catástrofe, que se mostran en Galicia por vez primeira no marco desta exposición. 

O proxecto expositivo estrutúrase en nove seccións nas que se reflicten o traballo nos estaleiros, no Gran Sol, a pesca da sardiña, a costeira do bonito, o descoñecido oficio dos estibadores, os percebeiros, o marisqueo, a lonxa e o impacto no litoral da catástrofe do Prestige. O obxectivo do seu autor, o fotógrafo vigués Javier Teniente, é plasmar as duras condicións nas que traballan as persoas que viven do mar, en calquera das etapas do ciclo produtivo da pesca. Para iso, conviviu con moitas das persoas que protagonizan as distintas instantáneas, nas saídas ao solpor ata a madrugada para pescar sardiña ou en 22 días de marea no Gran Sol na costeira do bonito. «Non se trata de mostrar imaxes cunha gran calidade estética –comenta Javier Teniente–, senón de contar historias, con moito respecto e dun xeito moi próximo aos seus protagonistas».

O fotógrafo
Javier Teniente traballou como correspondente cubrindo conflitos, o impacto dos desastres naturais ou a marxinación na que viven millóns de persoas en todo o mundo, como o impacto do furacán Mitch (1998), a guerra do Kósovo (1999), Iraq (2003), Haití (2004) ou o desastre provocado polo tsunami en Banda Aceh, Indonesia (2005). Gañador en dúas ocasións do prestixioso premio internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria, mención especial nos Premios Ortega e Gasset de Xornalismo e Premio Galicia de Comunicación, Javier Teniente expuxo a súa obra en PhotoEspaña, Imaxes pola dignidade ou na Fotobienal de Vigo. É autor, ademais, de varias publicacións entre as que destaca o seu proxecto «Fillos do océano», no que fotografou dezaoito comunidades diferentes de pescadores artesanais en todo o mundo.