jueves, 25 de junio de 2015

Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons 2015

Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons 2015

Con nove días de jazz na cidade é un cita imprescindible. A úndecima edición desta cita musical arrancará o 26 de xuño levando a música en directo a diferentes espazos e recunchos de Vigo. Entradas á venda a partir do 15 de xuño en ataquilla.com e información completa e programa na web oficial do festival ImaxinaSons



O festival abrirá o 26 coa cantante portuguesa Maria Joao e o seu disco "Ogre" e o sábado 4 a Orquestra de Jazz de Galicia presentarase no festival. O venres 3 chega a Vigo Marc Ribot con Ceramic Dog e durante todos eses días: Carlos López Quinteto, L.A.R. Legido, Gil Dionísio, Eli Gras, Ohad Talmor Trio, Miguel Lamas Cuarteto, Chupaconcha, Telmo Fernández e Marcos Pin, Dani Font Trío, Juyma Estévez Trío e Tres Tristessen Trio. 

Destaca esta edición 2015, a undécima xa, por ser unha edición moza, reunindo a moitos dos músicos que, xóvenes pero sobradamente preparados, están definindo os roteiros do jazz. Será unha edición con moito sabor galego aproveitando a boa colleita e as novidades que a ampla escena jazzeira galega pon a disposición do público. Carlos López Quinteto co proxecto “Letters From København”, Miguel Lamas Cuarteto, Duology de Marcos Pin e Telmo Fernández protagonizarán os concertos galegos desta edición, que se verá redondeada coa estrea da Orquestra Galega de Jazz que presenta un primeiro disco marcado polos sons de raiz en Imaxina Sons.

Unha edición xoven na que non faltan figuras jazzeiras de prestixio e fama internacional. É o caso de Marc Ribot que por primeira vez participa no Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons. Será o venres 3 de xullo e para o festival é unha honra contar co compositor e guitarrista americano, colaborador habitual de John Zorn e cuxo primeiro disco de estudio foi Rain Dogs de Tom Waits. Hoxe é unha referencia mundial no jazz e a súa figura motivou o documental "Marc Ribot: a corda perdida" (2008).

Tampouco se pode dicir que empezase onte a súa carreira a portuguesa María Joao, encargada este ano de inaugurar Imaxina Sons co seu proxecto Ogre, unha sorte de experimentación electrónica co jazz, poñendo a proba a incrible voz da cantora lisboeta. Sen ser nin moito menos vello, pero debido a súa precocidade, o saxofonista e compositor suízo Ohad Talmor é xa un referente musical premiado neste 2015 como compositor europeo de jazz do ano pola European Broadcasting Union.

A identidade do Imaxina Sons afiánzase tamén a través dos espazos nos que se desenvolve, cun claro epicentro no Auditorio Municipal do Concello de Vigo. E así o MARCO volverá ser escenario das propostas arraianas, desafiantes e máis excéntricas do festival cos concertos de LAR Legido, Gil Dionisio e Eli Gras e será sede tamén da Academia de Sons, que propón 5 obradoiros para públicos diversos en horario matutino.

Nada lonxe, na rúa Londres concentraranse este ano os concertos da noite do festival explorando un novo territorio para Imaxina Sons. O jazz de Vigo e a súa contorna volverá a tomar rúas e terrazas con "Jazz fóra de lugar" en horario vermú (incluíndo homenaxe aos críticos Javier de Cambra e Juan Claudio Cifuentes "Cifu", falecidos recentemente e vinculados a Imaxina Sons desde os seus inicios) e a traca final do 11º Imaxina Sons terá lugar o sábado 4 de xullo no clásico local vigués Contrabajo.

Volvendo á identidade, o programa 2015 Imaxina Sons recolle e reúne todos aqueles trazos que deron carácter único ao festival desde os seus inicios: atención ás figuras consolidadas e aos artistas emerxentes do jazz europeo, escaparate para as novas propostas do jazz en Galicia e na península, concertos ao aire libre que impliquen á cidadanía e apoio aos músicos e clubs da contorna próxima. Imaxina Sons debe entenderse como unha ferramenta cultural, auspiciada desde o ámbito administrativo máis próximo ao cidadán, o municipal, que ten como fin, tamén, vertebrar o espazo urbano como espazo de encontro e celebración da música