miércoles, 24 de junio de 2015

Festival A última trasnada en Bueu

Mozas e Mozos despídese co festival ‘A última trasnada’

Trampoline, Xenderal, Furious Monkey House e Camarada Nimoy tocarán o 4 de xullo no Aturuxo



 A Asociación Mozas e Mozos de Beluso di adeus o vindeiro 4 de xullo co festival ‘A última trasnada’, que se celebrará no bar Aturuxo (Bueu) con entrada de balde. Catro bandas galegas actuarán nunha xornada coa que a organización quere agradecer o seu apoio a todas as persoas que participaron das actividades realizadas ao longo de máis dunha década, en especial á veciñanza da vila e á xente que pasou polo colectivo.
A música comezará a soar ás 13 horas na sesión vermú da man de Trampoline, banda de folk acústico enraizada nos sons americanos. Os concertos continuarán pola tarde, a partir das 18 horas, co estilo ragga de Xenderal, nome artístico do tamén rapeiro Carlos Gende.
A continuación chegará a sorprendente proposta de Furious Monkey House, grupo de rock pontevedrés cuxos integrantes teñen arredor de dez anos pero que xa gravaron o seu primeiro álbum nos míticos estudos Abbey Road de Londres. Pechará a xornada Camarada Nimoy en formato reducido, unha banda que bebe de xéneros coma o surf, o swing, o jazz ou o lounge.

15 anos de actividades

Mozas e Mozos botou a andar en 1997 por iniciativa dun grupo de xente nova que buscaba dinamizar a vida cultural e comunitaria da parroquia e do municipio. Un dos seus grandes fitos foi a recuperación da Festa dos Mozos de Beluso, que despois evolucionaría cara o festival ‘A Noite do Trasno’, un evento que ao longo de seis edicións reuniu a milleiros de persoas no espazo natural de Cabo Udra.

No entanto, ao tempo ca estas citas destacadas e tamén con posterioridade, a Asociación organizou actividades de teatro, cine, cantautores, astronomía, charlas, magostos ou exposicións que marcaron a axenda cultural da vila, alén de colaborar con diversos colectivos e institucións, sempre procurando conxugar innovación e tradición.

Agora, tras unha etapa de inactividade, a Asociación Mozas e Mozos despídese formalmente, de novo coa música como pano de fondo e desexando compartila cos amigos nunha xornada interxeracional e festiva