sábado, 6 de junio de 2015

Pazo de Liñares de Lalín sede itinerante de exposicions do Xacobeo

O Pazo de Liñares converterase proximamente en sede itinerante de exposicións do Xacobeo, xa que vai albergar entre os meses de maio a novembro a exposición “Los franciscanos y el Buen Yantar de la tierra del Apóstol”, unha mostra que vén de ser cedida pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo ao Concello de Lalín, tal como se recolle na proposta que foi aprobada en Xunta de Goberno.
Así o explica o concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández, que indica que “a cesión da dita mostra por parte do Xacobeo é gratuíta, entendendo tanto o Concello como o Xacobeo que a colaboración entre as dúas administracións é unha fórmula axeitada para lograr obxectivos comúns e tendo en conta ademais que o Pazo de Liñares é un contedor e un recurso dinamizador dos Camiños Xacobeos, xa que por Lalín discorre a Vía da Prata e o Camiño de Inverno”. Así mesmo indica que “o traslado da exposición desde Santiago a Liñares tense previsto facer con medios propios, polo que esta exposición, coa que se dá un paso máis na posta en valor do Pazo de Liñares, non suporá a custos para o Concello”.
A mostra “Los franciscanos y el buen yantar en la tierra del Apóstol” reconstrúe o percorrido realizado por San Francisco de Asís na súa peregrinación a Santiago de Compostela no 1214, da que se vén de celebrar o 800 centenario, no que pasou por escenarios de luxo como o Palacio Ducal de Siena, o Museo Palazzo en Lucca ou o Pallazo Museo Doaria Tusi en Génova.
ESTRUTURA
A exposición desenvólvese en doce paneis de 230 cm alto x 100 de ancho e 135 de longo, agrupados en bloques atoportantes de catro, formando unha planta en “Tau”, símbolo empregado pola Orde franciscana como signo distintivo dos seus membros. Un dos paneis leva unha TV para amosar un audiovisual.
Centro de exposicións itinerantes do Xacobeo é o terceiro eixo vertebral da aposta do Es-Pazo Liñares como contedor multicultural de ámbito galego. Este uso únese aos de Museo Galego da Marioneta, único das súas características existente en Galicia -en funcionamento desde decembro de 2014 cunha información estable-, e Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico (CXCA) que está listo e que proximamente entrará en funcionamento coa dotación de persoal por parte da Deputación e coa definición do modelo de xestión, unha vez que a obra física coa construción do laboratorio castrexo está totalmente rematado. O Pazo de Liñares vai collendo así novos usos, que está previsto que se completen no futuro con outros como unha sala dedicada a Loriga ou o Arquivo Histórico de Deza.