sábado, 18 de julio de 2015

IV Festival Jazz and Blues Ribadeo 2015

IV Festival Jazz and Blues Ribadeo
Durante este mes de xullo terá lugar o IV Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, que organizan Game Over Productions e a asociación cultural Jazzeo, coa colaboración e co patrocinio do Concello ribadense e da Xunta,a través do Agadic. Calebrarase do 19 ao 26 de xullo con catro concertos de pago do Auditorio Municipal e con moitas actividades paralelas e dúas actuacións de balde

As actuacións no praza do Cantón son libres, as do Auditorio teñen un prezo moi asequible, que é de 12 euros para cada concerto. En todo caso é necesario saber que se vai poñer á venda un abono de 35 euros para os catro concertos de pago. Pódense mercar en http://www.codetickets.com/, e como novidade este ano dicir que a billeteira do Cine Teatro estará aberta a partir do 20 de xullo para poñer á venda as entradas para os concertos do Auditorio e os días de concerto a billeteira do propio Auditorio Municipal abrirá a partir das sete da tarde

O día 18 de xullo, este sábado, no Rockuncho terá lugar a festa de inauguración a partir das 23 horas. Haberá unha jam session con sorteo de entradas e de regalos. Os días 20 e 21 (luns e martes) coma novidade deste 2015 levarase a cabo no Auditorio Municipal un curso intensivo de baile de jazz & blues a cargo da profesora María Sanz.
Xa o mércores, 22 de xullo, ás 23 horas no Cantón dos Moreno, haberá cine ao aire libre coa proxección da película A film about kids and music, de Ramón Tort. Do 24 ao 26 de xullo na Escola Municipal de Música de Ribadeo terá lugar, un ano máis, un curso de música de jazz. E o 25 de xullo ás once da noite na sala Rockuncho jam session.
O concelleiro de Cultura animou "a toda a veciñanza a que aproveite a ocasión de gozar dun festival cunha excelente calidade, xente que pode vir logo de ter actuado en Donosti ou Ondarribia, xente con premios de relevancia internacional no mundo do jazz, e qué mellor maneira de ofrecer o bo gusto que temos pola musica de calidade".
No Cantón dos Moreno actuarán José García Quartet o vindeiro domingo, 19 de xullo, ás 23 horas e Bakin Blues Band o luns, día 21, tamén ás once da noite. Estes dous concertos son gratuítos.
Velma Powell & Bluedays actuarán no Auditorio Municipal o 23 de xullo ás nova da noite. Velma Powell é unha cantante de Chicago, familia directa de Brownie McGhee. O seu repertorio basease nas súas propias composicións, así como nos sons clásicos do anos 40, 50 e 60.
O 24 de xullo será o día para escoitar a partir das 21 horas a Richard Ray Farrell, nado en Cataratas do Niágara leva máis de trinta e cinco anos nas estradas como músico consagrado coma un talento de primeiro nivel no mundo do blues. Ten colaborado cos mellores músicos de blues de todo o mundo e tocou nos mellores festivais.
Ray Gelato & Claire Martin actuarán tamén no Auditorio Municipal o 25 de xullo ás nove da noigte. Ray Gelato mantén a tradición dos grandes showmen do jazz dos anos 40 e 50, interpretando arranxos orixinais sobre composicións da era do swing e Claire Martin, gañadora dos British Jazz Awards en sete ocasións, é considerada a primeira "dama" do jazz británico.
O Festival Jazz & Blues de Ribadeo rematará o 26 de xullo ás 21 horas coa actuación de Carla Cook, que canta de forma marabillosa os grandes standards do jazz. Foi nomeada aos Grammy e todas as súas gravacións teñen recibido críticas excelentes. Chega a Ribadeo despois de actuar nos festivais de San Sebastián e San Javier.