jueves, 12 de noviembre de 2015

Hoxe comenzou Santiago(é)tapas 2015

Comeza o concurso Santiago(é)tapas con 69 locais participantes que ofertan 109 tapas

A oitava edición do Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, comezou este xoves nos 69 locais participantes, que ofertarán un total de 109 tapas. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou o concurso cunha ruta de tapas acompañado pola concelleira de Turismo, Marta Lois; os presidentes da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos e José Antonio Riveiro; concelleiros dos distintos grupos municipais e representantes de empresas e entidades colaboradoras.

Unha das novidades desta edición do Santiago(é)Tapas, que se prolongará ata o 29 de novembro, é a importancia que se lle quere prestar aos produtos galegos de calidade con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Todas as tapas deben contar con algún destes produtos entre os seus ingredientes.

Nesta edición hai unha reformulación dos premios que se lle entregarán aos locais coas mellores tapas, dándolle maior peso á participación do público. Por primeira vez, o público decidirá os tres primeiros premios do concurso, dotados con 1.000 euros á mellor tapa, 800 euros á segunda mellor e 500 á terceira mellor. Ademais, o público elixiría o premio (é)xcelente ao mellor servizo e experiencia global, dotado con 500 euros e o premio á "Tapa con máis chispa", promovido por Coca Cola Iberian Partners e que ten de premio 30 caixas de produto.

Nesta edición do Santiago(é)Tapas tamén hai tres galardóns ás creacións que mellor maridan con cervexa, promovidos dende Estrella Galicia. O Premio do Xurado á tapa que mellor marida con cervexa conta con 500 euros en produto e diploma; o Primeiro e o Segundo Premio do Público desta categoría levarán diploma e 100 euros en produto.

As persoas interesadas poden ser parte do xurado profesional que valorará as tapas. Para iso hai que apuntarse para ser parte do xurado do evento, usando en Twitter ou Instagram as etiquetas #santiagoetapas2015, #queroserxurado ou seguindo as instrucións en facebook.com/santiagoetapas.

Santiago(é)Tapas está coorganizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. Conta co patrocinio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Cash Record e Coca Cola e a colaboración especial de Estrella Galicia e Turkish Airlines.