jueves, 19 de noviembre de 2015

Sabores de Ourense de Outono 2015

#SaboresdeOurense de Outono, celebrará do 20 ao 29 de novembro a súa oitava edición sumando desta volta nada menos que 53 establecementos participantes.

O certame foi presentado no  Concello de Ourense coa presenza dos seus orgaizadores, o Concello de Ourense e a Unión de Hosteleiros Ourensanos (UHO). Como xa é clásico nesta edición outonal, os pinchos a concurso estarán elaborados con cogomelos ou castañas, «potenciando así o consumo de materias primas locais e de tempada», en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. O prezo máximo dos pinchos será de 2,50 €, como en anos anteriores.

Nesta edición acadaronse  53 establecementos participantes,  3 máis dos que na edición de primavera e de outono de 2014. Aínda que a ampla maioría están concentrados na zona dos Viños, tamén hai participantes noutras zonas: o Centro, A Ponte, San Francisco e Mariñamansa, así coma nas instalacións termais.

Entre os premios oficiais do concurso, ademais dos 3 outorgados polo xurado profesional, os 3 concedidos polo público e o da prensa, recupérase o Premio Pincho Celíaco, outorgado pola Asociación de Celíacos de Ourense, ao que optarán todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración. Ademais das distincións honoríficas que se levarán os locais premiados e finalistas, o establecemento gañador do 1º premio do Xurado Profesional será o representante da cidade na vindeira edición do concurso autonómico De Tapas por Galicia, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia.

Para esta edición contarase coa presencia no Xurado profesional de Ángel Moretón, director do Concurso de Pinchos de Valladolid, un dos de maior sona de todo o estado, entre outros profesionais da cociña.

Premios para o público: votar ten premio

Coma en anteriores edición, o público que deposite o seu voto nas urnas colocadas nos establecementos participantes entrará no sorteo de distintos agasallos cos que se premiará a súa fidelidade a este concurso.

Pero non serán os únicos. Como anunciou o secretario da UHO, Javier Outomuro: «Combinando o pincho cun viño da DO Ribeiro pódese gañar unha cata maridada para 10 persoas, podendo tamén o local levar premio». Igualmente, participando a través da app Sabores de Ourense (para sistemas operativos iOS e Android) poderase gañar un teléfono móbil