miércoles, 25 de noviembre de 2015

San Silvestre 2015 en Ribadeo

O Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo organizan un ano máis a Carreira de San Silvestre para despedir o ano 2015. Será, como manda a tradición, o 31 de decembro e haberá distintas categorías en función da idade dos participantes. A proba absoluta comezará ás 17 horas.

As saídas para as categorías inferiores están previstas deste xeito: ás 16:40 horas a Mini San Silvestre (100 metros, para menores de 4 anos) e ás 16:45 horas a Mini San Silvestre, para nenos e nenas de 4 a 7 anos, cun percorrido de 400 metros. A milla, para nenos de entre 8 a 11 anos, sairá as 16:50 horas e finalmente ás 17 horas comezará a San Silvestre absoluta, na que poden participar as persoas maiores de 11 anos. Son 5.000 metros de percorrido. Como novidade, nesta edición haberá unha categoría de Vehículo Adaptado, para os participantes en handbikes ou sillas de atletismo.

O percorrido dos adultos será de 5.000 metros, sairá entre os dous parques Clemente Martínez Pasarón, Avenida de Asturias, José Vicente Pérez Martínez, Avenida de Galicia, Virxe do Camiño, San Roque, Rosalía de Castro, estrada de Vilaselán, estrada do Faro, camiños das Barreiras, Leopoldo Calvo Sotelo, Rodríguez Murias, Ramón González, Doctor Moreda, Reinante, Villafranca del Bierzo, continúa entre os dous parques, pasa por diante de turismo para rematar na praza de España, diante do Concello.

O Concello presentou hoxe pola tarde a nova edición da carreira, coa presenza do alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, David Rivas, e o técnico de Deportes, Iván López. "Con ela poñemos punto e final a un ano 2015 cargado de boas noticias para o deporte ribadense, ben en forma de éxitos deportivos, ben coa creación de novas disciplinas deportivas que non existían no noso municipio. Tamén con eventos organizados polos clubes, coa colaboración do Concello, nos que tomaron parte equipos de primeira orde, como o Emma Cuervo ou o partido de exhibición de basket entre o Breogán e o Leyma Natura. A San Silvestre mantén o formato das últimas edicións, se ben se aumenta nunha carreira para nenos e nenas de ata catro anos e contará cunha categoría para handbikes e vehículos adaptados", detallou o concelleiro de Deportes, David Rivas.

Todos aqueles que precisen máis información do evento poden obtela na Casa da Xuventude de Ribadeo ou ben no teléfono 982.129.889, no correo electrónico deportes@ribadeo.org  ou na web https://sansilvestreribadeo.wordpress.com As inscricións, que se abren o 19 de novembro, deben facer antes do 25 de decembro a través da web www.championchipnorte.com ata as doce da noite dese día. No caso de facer a inscrición presencial será na Casa da Xuventude e o prazo remata ás 15 horas do día 23 de decembro.

Os premios na categoría absoluta consistirán en diñeiro en metálico e trofeos para os tres primeiro absolutos, masculino e feminino, e para os tres primeiros ribadenses, masculinos e femininos. No caso das categorías inferiores haberá medallas para os tres primeiros e trofeos para o gañador e gañadora das Mini San Silvestre e da Milla. E trofeo para o/a participante de menor e maior idade que rematen a súa carreiras, masculino e feminino.