martes, 8 de diciembre de 2015

A praia das Catedrais interesa en Japón

Unha televisión xaponesa interesouse pola praia ribadense das Catedrais para dala a coñecer no país nipón. Reporteiros de BF Fuji Japón viaxaron recentemente ata Ribadeo para filmar o famoso areal, “pero como aqueles días chovía, recorreron ao Concello para conseguir máis imaxes das Catedrais. O que fixemos foi pasarlles o vídeo promocional Ribadeo x que sí, para que poidan coller aí as imaxes que lles poidan servir e interesar”, explica a concelleira de Turismo, Ana Martínez.

Non é esta a primeira vez que unha televisión estranxeira se achega a Ribadeo para facer unha reportaxe sobre a praia das Catedrais: "o pasado verán foi a televisión pública alemá a que se interesou polo areal ribadense e xa noutra ocasión outra televisión xaponesa se achegou tamén ata Ribadeo con este mesmo obxectivo".

A praia das Catedrais é todos os anos obxecto de numerosas informacións e reportaxes nas televisións de ámbito autonómico e estatal debido á grande afluencia de turistas que recibe, a maioría procedentes do Estado español e cada vez máis chegados desde calquera parte do mundo.