jueves, 10 de diciembre de 2015

Mercado da Estrela en Santiago de Compostela 2015

Chega a cuarta edición do Mercado da Estrela, o festival do talento galego que se celebrará este sábado 12 e domingo 13 no Museo do Pobo Galego, a Zona C, a Praza 8 de Marzo e a Cantina Gourmet. Amosará un atractivo abano de agasallos de Nadal pertencentes a medio centenar de marcas galegas, unha variada programación lúdico-cultural de balde para todas as idades, e unha ampla oferta gastronómica nos seus dous espazos de restauración.

O Mercado da Estrela contará novamente con algunhas das bandas máis relucentes do novo panorama do pop, o folk, e a electrónica galega tocando en directo na Cantina Gourmet. Músculo!, Sen Senra, Helen & Shanna, Chicharrón, Ukestra do Medio e Nano Vinilo DJ actuarán na carpa de restauración e música, onde ademais se poderá almorzar, comer, merendar e cear a base de chocolate quente e cervexas artesás, comida xaponesa, sándwiches, hamburguesas e arepas, queixos, doces e xeados artesáns, e outras tentadoras e apetecibles propostas.

O horario do Mercado da Estrela será de 11:00 a 20:00 horas no Museo do Pobo Galego, e de 11:00 a 15:00 e de 16:00 a 20:00 horas na sala Zona C. Na Cantina Gourmet, carpa ubicada no corredor que conduce a Bonaval, o horario prolongarase ata as 24:00 horas o sábado, e ata as 22:00 horas o domingo, e na praza 8 de Marzo o horario desenvolverase entre as 11:00 e as 22:00 horas, tanto o sábado coma o domingo.

O Mercado da Estrela é unha iniciativa da empresa Correveydile que conta co patrocinio de Turismo de Santiago e Gadis, e que está realizada grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, o IGAPE e Cafés Candelas.