jueves, 3 de diciembre de 2015

Mostra de queixo e Mel de Lalín 2015

O CONCELLO ORGANIZA OS DÍAS 3, 4 E 5 DE DECEMBRO A PRIMEIRA MOSTRA DO QUEIXO E DO MEL DE LALÍN

O obxectivo da iniciativa é o de “dar a coñecer entre a poboación as magníficas cualidades do mel e do queixo que se produce no concello de Lalín, coa finalidade de incrementar o seu consumo”. O Concello fai un chamamento para que os lalinenses se acheguen á Praza e desfruten duns magníficos comestibles ao tempo que contribúen á dinamización económica e social da vila.


O concelleiro de Actividade e Produción Agraria, Xosé Manuel Hermida, presentou esta mañá a Primeira Mostra do Queixo e do Mel de Lalín, que reunirá durante os días 3, 4, e 5 de decembro, na Praza de Abastos a numerosos produtores locais. O obxectivo principal da iniciativa é, tal e como explicou Hermida, “dar a coñecer e difundir entre a poboación as magníficas cualidades do mel e do queixo que se produce no concello de Lalín, coa finalidade de incrementar o seu consumo no ámbito municipal”. O concelleiro sinalou que Lalín ten na actualidade “unha produción moi considerable e de moita calidade, destes alimentos que, aínda así, son descoñecidos en ocasións polos propios veciños”.

“Trátase, en definitiva, de brindarlles ás queixerías e aos meleiros do municipio, un escaparate no que pór de relevo os seus produtos e mostrar que non hai que saír de Lalín para degustar excelentes queixos e meles, ao tempo que mostramos que a consigna Se é de Lalín é bo, é totalmente acertada”, explicou o edil.

A Praza de Abastos foi o lugar elixido para realizar a mostra xa que “non pode haber ningún lugar mellor para este tipo de actividades, ao tempo que se contribúe a dinamizar o propio mercado”. Así mesmo, nesta ocasión, decidiuse seleccionar o quixo e o mel como alimentos protagonistas debido a que son dous produtos “que casan especialmente ben”.

A mostra abrirase o día 3 de decembro pola tarde, para non coincidir coa celebración da feira e continuará o día 4 durante toda a xornada e o sábado 5 pola mañá. Durante estes días os produtores participantes terán a oportunidade de expoñer, ofrecer en degustación e vender os seus produtos en postos individuais.

Por outra parte, o Concello contactará con restauradores e hostaleiros de Lalín, para que paralelamente á mostra se leven a cabo maridaxes con queixos e meles, e conseguir, en conxunto, a súa máxima difusión. O Concello fai un chamamento a que todos os lalinenses se acheguen durante os días da mostra á Praza, para desfrutar duns magníficos comestibles e, ao mesmo tempo, contribuír á dinamización económica e social da vila.